A asociación xuvenil Xeración impulsa na cidade proxectos transnacionais e iniciativas locais encamiñadas a fomentar a participación cidadá. Algunhas destas inicativas están en marcha no local social de Piñeiros, ata donde se desprazou onte a concelleira de Acción Social e Participación Cidadá, Catalina García, para ver os avances das mesmas. O presidente de Xeración, Francisco Sequeiro, explicou que entre os obxectivos do colectivo está “promover a mobilidade xuvenil, ofrecendo a xente doutros países a posibilidade de vivir unha experiencia de intercambio”. A edil naronesa felicitou ao representante da asociación polo labor que desenvoven e destacou a importancia deste tipo de iniciativas, en canto que, subliñou, “fomentan a solidaridade e a cooperación e promoven a participación da cidadanía en diferentes áreas, neste caso a través dun sistema de voluntariado”. A Concellería de Acción Social e Participación Cidadá colabora coa citada asociación en diversas propostas a desenvolver no municipio.
Dúas rapazas, Emilia Garska, de Polonia, e Jana Sadovska, de Eslovaquia, levan xa sete meses na cidade –estarán aínda dous máis– e encárganse de diferentes proxectos vencellados a esta entidade. Emilia decorará con tres murais o interior do local social de Piñeiros. Un deles xa está rematado desde hai uns días e o deseño, que ela mesma realizou, pretende incidir na importancia da mobilidade, seguindo así as liñas marcadas pola asociación. “A bombilla simboliza a diversidade de ideas, os ollos amosan a importancia de viaxar…”, explica Garska. Traballa agora no segundo mural, cunha liña similar en canto ao significado do deseño, tal e como avanzou.
Tamén se atopa en Narón, nunha das oficinas do local social de Piñeiros, Jana Sadovska. O seu labor consistiu nestes meses na cidade en impartir clases de inglés, colaborar no Centro de Recursos Solidarios de Narón… e traballa agora noutras propostas. Entre elas, unha de carácter internacional coa que implicar aos rapaces e rapazas nun proxecto sobre o impacto da moda no medio ambiente.
A asociación Xeración ten na actualidade unha trintena de socios de Narón e doutros concellos da comarca, todos eles de entre 18 e 30 anos. Dous deles están actualmente en Bosnia e nun prazo dun mes partirá un grupo cara a Romanía, tal e como explicou o presidente da entidade.