A Consellaría do Medio Rural informou que a campaña de retirada de pataca por mor da couza guatemalteca se desenvolverá en San Sadurniño os días 22 e 23 de maio. Un dispositivo da empresa SEAGA composto por varias furgonetas e un camión estanco percorrerá o territorio eses dous días para recoller os sacos oficiais con patacas da semente, patacas sobrantes da colleita do ano pasado e as das plantacións de cedo, que cadaquén deberá arrincar e ensacar pola súa conta. O persoal designado pola Xunta irá casa por casa retirando as patacas que se declarasen nas follas oficiais, aínda que tamén preguntará por se houbese alguén que a estas alturas non estea ao tanto da obriga de entregar os tubérculos. Ante este anuncio recórdase que os sacos oficiais poden recollerse na Casa da Cultura en horario de mañá e que as patacas deben ir separadas, é dicir, non mesturar nun mesmo saco semente con pataca nova ou con pataca do ano pasado. Para informarse ou para dar conta de calquera incidencia, a Xunta pon a disposición da veciñanza o teléfono 626.719.200.
SEAGA irá parroquia por parroquia e lugar por lugar o luns 22 e o martes 23 entre as 8.30 e as 18.00h. visitando aqueles domicilios onde se fixese a declaración previa tanto das patacas gardadas como, de ser o caso, aquelas que se plantasen antes do 5 de marzo, data en que entrou en vigor a prohibición de botar pataca nos 31 municipios demarcados por presenza de couza guatemalteca.
No percorrido –deseñado en base aos enderezos que figuran nas declaracións– o persoal da Xunta tamén irá parando nos domicilios que queden no medio para preguntar se hai existencias de tubérculo que, obrigatoriamente, deben entregárselle á Xunta.
Entón, ¿que debemos facer?
1º Coller na Casa da Cultura ou na Oficina Agraria Comarcal os sacos oficiais da Xunta. Son gratuítos e algo máis pequenos que os comerciais. Son sacos de plástico resistente que impiden a propagación da praga.
2º Encher os sacos oficiais con toda a pataca que teñamos: pataca de semente que non plantáramos, pataca vella que nos sobrase do ano pasado e…
3º…tamén a pataca das plantacións de cedo. Segundo a Xunta somos nós quen temos que arrincar as patacas novas, estean como estean, e botalas nos sacos oficiais. A Xunta non vai arrincárnolas. Non facelo -e coa lei na man- exporanos a recibir unha sanción de Medio Rural. Polo tanto, é recomendable ir planificando xa a arrinca das plantacións para antes do día 22 de maio.
4º As patacas hai que gardalas nos sacos separadas por tipos, posto que as axudas son distintas se se trata de pataca da semente, pataca vella ou pataca nova arrincada.
5º Os sacos non deben pecharse. Ha de ser o persoal da Xunta quen as precinte e as pese, entregándonos despois un albarán que certifique os quilos entregados para podermos cobrar a axuda oficial correspondente.
6º ¿A como van pagar a pataca?. Os prezos oficiais son: 0,30 €/Kg. a pataca vella que sobrase da colleita do ano pasado, 0,70 €/Kg. a pataca de semente que non puidesemos botar por causa da prohibición e 0,40€/m² de superficie que declarasemos como plantada antes do 5 de marzo. Unha declaración esta última que, segundo a normativa, debeu terse feito antes do 31 de marzo.
7º Para cobrar as compensacións é necesario cubrir un impreso específico da Xunta (o MR465A) e haberá de prazo ata o 30 de setembro para facer a solicitude. Iso si, Medio Rural non aclara canto tardará en resolver as solicitudes nin tampouco -e aí vai algo que se debe ter en conta- se o cobro da indemnización pode ter repercusións con respecto ao IRPF. Isto último é algo que se debe mirar ben e consultalo, non vaia ser que por cobrar 25 quilos de pataca da semente -uns 17,5€- o ano que vén e por termos este ano máis dun pagador teñamos que facer unha declaración da renda que noutras circunstancias non teriamos a obriga de facer.
8º Se os días 22 e 23 de maio non imos estar na casa por calquera motivo, deberemos contactar co 626.719.200. Ese é o teléfono da Xunta para comunicar calquera incidencia ou preguntar calquera dúbida que teñamos.
Para informar sobre as datas en que o dispositivo de recollida pasará por San Sadurniño vanse distribuír polos locais e espazos públicos carteis informativos facilitados pola Xunta. Desde o Concello prégaselle á veciñanza que lle preste a máxima colaboración aos servizos oficiais de cara a solventar o antes posible un problema que ameaza o futuro da produción doméstica de pataca.