Valdoviño convoca o II Concurso de Relato Curto e Debuxo Letras Galegas 2017

No marco das actividades previstas para conmemorar o Día das Letras Galegas, adicadas este ano a Carlos Casares, a Concellería de Cultura vén de convocar a segunda edición do Concurso de Relato Curto e Debuxo Concello de Valdoviño. Un certame cuxos traballos deben versar sobre as personaxes, elementos ou circunstancias que concurran ou aparezan nunha relación de obras de Carlos Casares seleccionadas polo Concello –a consulta na web municipal-.

Está dirixido ós rapaces e rapazas empadroados no Concello de Valdoviño e tamén ás alumnas e alumnos dos centros educativos do municipio –CPI Atios e CRA “O Esquío”-. O alumnado de 4º, 5º e 6º curso de Educación Infantil poderá participar na modalidade de debuxo, namentras que o 1º e 2º ciclo de Primaria poderá elixir entre debuxo e relato –iso si, cada persoa só pode participar cun único traballo e unha soa opción-. Así mesmo, a modalidade de relato vai dirixida ó 3º ciclo de Primaria e 1º e 2º ciclo de ESO.

O certame busca contribuír a estimular o coñecemento e uso do galego como lingua vehicular para, deste xeito, tomar conciencia do idioma e da cultura transmitidas polos nosos devanceiros tanto a través da escrita como da palabra, e, a través das mesmas, dar forma á expresión artística.

O prazo de presentación de traballos abrirase o 1 de maio e pecharase o día 17 do mesmo mes. Deberán entregarse na Casa da Cultura en días laborables, en horario de 10 a 14 horas. Concederase un premio por ciclo, que consistirá nun libro e nun diploma.

Lea también

A Alianza Aresana acolle a presentación de ‘Material sensible’, de Concha Tejada

Como xestionar a alta sensibilidade de forma amable, creativa e sostible? Que historias poden inspirarnos …