«A mar a mares» é un título que garda dentro de si múltiples significados. O primeiro é o da referencia ao contido da exposición, o segundo é o suxerido polo xogo de palabras co verbo amar co significado de querencia polo mar, pola costa e tamén pola fotografía que expresan os autores e autoras. Todas e todos pertencen á sección fotográfica do Grupo Bazán, que leva máis de dúas décadas formando e promocionando a creatividade de ducias de persoas con afección por esta arte. Quen queira ver a mostra «A mar a mares» debe bulir, xa que o venres a primeira hora da tarde abandonará a galería da Casa do Concello de San Sadurniño. O espazo ocuparao a partir da semana que vén o estudo de Xan Leira sobre a represión lingüística e cultural en Galicia tralo golpe de Estado do 36.
A exposición está composta por 27 fotografías de grande formato e excepcional calidade técnica tanto na captación como no posterior revelado. Así o demostran o detalle, as cores e as exquisitas composicións sobre múltiples motivos relacionados co mar. Fauna, aparellos, solpores, a forza da auga, a cultura naval, etc., todo ten cabida nunha mostra para ver con vagar e parando a admirar os detalles de cada obra.
Os autores e autoras participantes nesta colección son Alex Pérez, Anna Gracheva, Beatriz Rodríguez, Carlos Cruz, Chus Villamar, Dani Touceda, David Souto, Eva Vázquez, Fer Cendán, Fran Suárez, Gelis López, Iván Seijo, Jose Amigo, Jose Fonticoba, Luis Losada, Luz González, Marta Pérez, Miguel Calvo, Mónica Lorenzo, Nelson López, Pablo Mauriz, Rubén Pérez e Xosé Debasa.
Detrás da iniciativa está a sección fotográfica nacida hai 23 anos no seo do Grupo Bazán, unha entidade con máis de catro décadas de historia a prol da promoción do deporte e a cultura. A sección dedicada á fotografía comezou con 11 compoñentes en 1994 e hoxe pasan de 60, nalgúns casos merecentes de premios en certames galegos, estatais e internacionais.
Desde aquela reúnense todos os venres no local do grupo, situado na rúa República Arxentina 15 baixo (Ferrol), onde, ademais, tamén se imparten seminarios e cursos relacionados con esta arte. As actividades que levan a cabo poden seguirse a través do blog fotografia.grupobazan.blogspot.com e quen queira contactar coa sección pode remitirlle un correo a fotografiagrupobazan@gmail.com.
Crónicas da represión lingüística. Galicia, 1936…
«A mar a mares» pode visitarse na galería da Casa do Concello ata este venres en horario de 8.30 a 14.30h. Cederalle o espazo a partir da semana que vén a «Crónicas da represión lingüística. Galicia, 1936…«. Trátase dunha exposición multimedia do documentalista audiovisual Xan Leira, que ten no seu haber case unha vintena de pezas relacionadas co galeguismo cultural e político.
Neste caso recupera as vivencias das persoas que pasaron a traxedia do golpe de estado fascista do 36 e reflexiona sobre as consecuencias que tivo para elas e para o conxunto da sociedade, nomeadamente a través da represión sistemática da lingua e a cultura. A mostra permanecerá na galería municipal ata o día 22 de maio.