O Chanfaina Lab fai un breve descanso para dar interesantes consellos publicitarios

Flipacan – Concello de San Sadurniño

Efectivamente. Na presente edición do Chanfaina Lab tamén hai espazos publicitarios ao máis puro estilo da teletenda e ofertándonos produtos sorprendentemente útiles para a vida moderna: o Españolizer Pro e o Flipacán. Artigos que só podían saír das mentes da tropa de Consuma Conciencia/Concienciarte, unha entidade que busca esoutro mundo posible a través de obradoiros relacionados coa sustentabilidade e tamén a través da creatividade. Sempre sorprenden e nunca defraudan con vídeos frescos postos ao servizo da crítica social sá e desenfadada… esa mesma que hoxe se ve ameazada polo excesivo celo xudicial no cumprimento da denominada Lei Mordaza. Sobre a contribución da xente de Consuma Conciencia á 3ª Chanfaina Lab fala o académico Manolo González nos seguintes parágrafos, publicados na web-colector do proxecto, Fálame de San Sadurniño.

Concienciarte é unha Asociación Cultural nada no 2013 en San Sadurniño. A sede social está ubicada no local da antiga escola de Silvalonga. Os seus obxectivos como asociación son –sobre todo– a divulgación e concienciación no entorno local de novas alternativas e xeitos de vida. Tamén apostan por un mundo máis xusto e equilibrado: enerxías libres, alimentación consciente, saúde e plantas medicinais, a música e o creativo como instrumentos de sanación. Neste último ano realizaron numerosas actividades como obradoiros de teatro, canto e radio entre outros. Asemade, unha das súas teimas- xunto coa música– é a produción de filmes humorísticos, que difunden a través da súa canle ConcienciaTV. Nos seus vídeos tentan poñerlle retranca a todo, nomeadamente á algúns dos valores dominantes na sociedade contemporánea, como se pon de manifesto na peza producida na anterior edición da Chanfaina Lab «O meigo mouro do repetidor«.

Para esta edición da Chanfaina Lab, o colectivo cultural tiña o proxecto de producir integramente un videoclip sobre dunha composición musical propia e de feito comezaron a gravación na Casa da Xuventude de San Sadurniño, mais non tiveron tempo para a posprodución final da canción na que se basea o clip: «Como queríamos participar na Chanfaina, fixémolo ao noso xeito, como traballamos nós, démoslle unhas voltas á cabeza segundo o que vai indo e vindo e… dun día para outro, decidimos gravar estes dous spots producidos sen metodoloxía algunha; as ideas van e veñen entre nós, ás veces David propón a idea base e logo gravamos sen un sistema organizativo definido. Facémolo todo moi improvisado, porque só somos afeccionados. Mais aí está a nosa achega con dous pequenos clips: un adicado a Lei Mordaza e outro é unha vella idea que tiñamos, practicamente dende que estudabamos no Instituto«..

«Flipacan» e «Españolizer-pro» invítannos a pasar un par de minutos divertidos co humor retranqueiro e iconoclasta deste grupo de cineastas afeccionados locais: «Nos pretendemos facer rir á xente , mais, ao tempo, que reflexione sobre o mundo no que vivimos; as pezas son satíricas máis que humorísticas, na procura da inquietude e mesmo a incomodidade no espectador«. Así pois, cando estamos a piques de chegar ao ecuador da programación da 3º Chanfainalab, invitámosvos tamén a uns minutiños de publicidade, mais non se vaian, porque estes anuncios teñen moito que contar.

Lea también

Valdoviño acoge el documental “Emoción, vida e teatro. A nave das Marías”

El Ciclo Mestro Mateo continúa esta semana en Valdoviño con la proyección del documental «Emoción, …