O pavillón de San Valentín acollerá a Xuntanza de Palilleiras o último sábado de abril

Encontro de palilleiras en San Valentín – Concello de Fene

O Concello de Fene traballa nos preparativos dunha nova edición do tradicional encontro de palilleiras e palilleiros que se celebra desde 1996 en San Valentín. Este ano colaboran na organización as asociacións veciñais de Sillobre, de San Xurxo de Magalofes, a Liga de Amigos de Barallobre e o Centro de Promoción Social de San Valentín, co obxectivo de que Fene sexa o sábado 29 de abril o referente galego da arte dos bolillos e doutros labores tradicionais.

O evento comezará ás 10.30h. e desenvolverase até as 19.00h. cunha paréntese de dúas horas –de 14 a 16.00– para xantar. De novo agárdase unha afluencia masiva de amantes do encaixe e escolas, que poden obter máis información sobre as inscricións a través do teléfono 981 492 767.

A xuntanza comezou en 1996 como un encontro a través do que promocionar o oficio do bolillo. Unha actividade practicamente esquecida na comarca que recobrou azos a principios da década dos 90 a través de obradoiros e cursos de manualidades, organizados en toda a volta por entidades culturais e veciñais.

Foi o caso dun grupo de mulleres de San Valentín, que decidiron en 1993 aprender a facer encaixe como xeito de recuperar unha tradición que non era exclusiva de Camariñas. Tres anos despois organizaríase o primeiro encontro como xornada na que intercambiar coñecemento, expor traballos e darlle difusión aos bolillos como entretemento e mesmo como proposta con posibilidades de emprego.

En 2016 chegaron a reunirse no pavillón da Xunqueira, en San Valentín, arredor de 700 persoas. Na súa maioría exhibiron a habilidade cos bolillos, pero tamén noutras artes da confección, como o gancho, a calceta ou o patchwork.

A Xuntanza de Palilleiras e outros labores tradicionais está organizada pola Concellaría de Promoción económica con axuda de entidades veciñais de Sillobre, Magalofes, Barallobre e San Valentín.

Ademais de ser unha cita para todo o relacionado co fío, o encontro tamén se converteu nunha xornada de lecer con múltiples actividades paralelas, como obradoiros e charlas ás que se lles dará publicidade nos próximos días.

Lea también

“IV Jornadas micológicas de Neda”

La Asociación micolóxica Viriato organiza la próxima semana, con la colaboración del Ayuntamiento, las “IV …