O BNG apoiará a moción de Somos Cabanas sobre a eliminación da Xunta de Delegados do Concello de Cabanas e as súas indemnizacións no vindeiro pleno de marzo. No BNG seguen a pensar, como levan facendo toda a lexislatura, que a Xunta de delegados non debe existir, xa que realmente non é máis que unha forma encuberta do goberno municipal (PP-AEC) de dar un soldo aos seus concelleiros saltándose as restricións legais que impuxo a Lei Montoro.
Un conflito que leva de actualidade toda a lexislatura
Xa no pleno de organización (xullo 2015) houbo un importante debate sobre a creación da Xunta de Delegados. No BNG posicionáronse en contra tanto da existencia da Xunta de Delegados coma das indemnizacións de 150€ por asistencia, que saíron adiante en senllas votacións, cos votos a favor do PP e o PSOE e os votos en contra do Grupo Mixto (BNG, AEC, Somos; isto é, incluíndo o da concelleira independente de AEC que agora cobra desa mesma comisión). «Xa foi no momento chamativo que a maioría de goberno aceptase eliminar a Xunta de Goberno Local (á que si asistiría o secretario) e en cambio fixese causa da Comisión de Delegados, que saíu adiante«, lembra o concelleiro nacionalista, Iago Varela.
En decembro de 2016, durante a tramitación dos Orzamentos para o ano 2017, o BNG incluíu entre as súas emendas a proposta de reducir a partida para retribucións dos membros da Corporación, eliminando o incremento de 10.000€, dos 55.000 aos 65.000, que se facía para este ano. Esta partida inclúe todas as retribucións dos membros da corporación que non teñen dedicación (é dicir, todos menos o alcalde) pola asistencia a todas as comisións e aos plenos, incluíndo a cantidade asignada para a Xunta de Delegados, cuxa contía queda opaca (calculan dende o BNG sobre 7.500€ por asistente ao ano, pero é difícil de saber con seguridade). Esta emenda tivo 2 votos a favor (BNG e Somos), 6 en contra (goberno de PP e AEC) e 3 abstencións (PSOE).
En xaneiro de 2017 sóubose da imputación do goberno do PP de Valga pola existencia dunhas comisións que se celebraban sen a asistencia da secretaría municipal, unha figura moi semellante á das Xuntas de Delegados en Cabanas, polo que lle preguntamos ao alcalde se podía asegurar a legalidade da mesma, recibindo, como ven sendo habitual, a calada por resposta. Desde ese momento, no BNG de Cabanas quedamos á espera do desenvolvemento da actuación xudicial en Valga para posíbeis futuras actuacións, até onte, 13 de marzo, que souberon os nacionalistas da presentación da moción de Somos ao respecto.
Posición do BNG
No BNG van a apoiar a moción de Somos no Pleno, xa que é coincidente coa súa posición política en contra da existencia da Xunta de Delegados. Así mesmo, renovan o seu chamamento ao alcalde Germán Castrillón de que se cerciore da legalidade da mesma, e que, de non o ser ou ter dúbidas, suspenda as xuntanzas e reintegre as cantidades cobradas.
Do mesmo xeito, desde o BNG aledánse de que a súa acción de control do goberno sirva para inspirar ao resto da oposición, que toma como propias as súas propostas e as emprega para controlar o goberno. O BNG traballa para a veciñanza de Cabanas, e que outras forzas empreguen o seu traballo é a mellor forma de asegurarse de que tamén o están a facer.