O colexio de Centieiras acolle ata maio o programa de educación familiar «Máis que un teito»

A Área de Benestar Social e Igualdade do Concello de Fene está levando adiante desde primeiros de ano un proxecto de prevención de drogodependencias e condutas aditivas en colaboración con outros municipios da comarca. Nel encádrase o programa «Máis que un teito«, que vén sendo un espazo de aprendizaxe centrado na educación emocional das familias con nenos e nenas de primaria. Son obradoiros para a rapazada acompañada dunha persoa adulta do núcleo familiar que se desenvolverán polas tardes até o mes de maio no CEIP Centieiras de Perlío. A iniciativa está subvencionada pola Consellería de Sanidade.

Os obxectivos deste programa son a mellora das actitudes educativas e preventivas das familias, ademais da promoción e reforzo dos factores de protección familiar de cara a reducir o impacto de factores de risco relacionados con todo tipo de adiccións. Por outra banda, as sesións tamén pretenden incrementar as habilidades das persoas participantes para o desenvolvemento de pautas de xestión familiar.

Trátase, en definitiva, de achegarlles ás familias novas ferramentas educativas e de apoio ao crecemento saudable dos seus fillos e fillas. Os temas a tratar están relacionados coa educación emocional e para iso nos obradoiros traballarán conxuntamente rapazada e persoas adultas.

Porén, «Máis que un teito» non son charlas, senón espazos para aprender dun xeito distendido. Son exercicios de relaxación, xogos cooperativos e momentos de contacto físico entre os nenos e nenas e os seus papás e mamás que se van intercalando con consellos sobre como traballar tanto a empatía como os límites e normas.

As sesións desenvolvéronse desde xaneiro a marzo no CEIP Os Casais e no Centro municipal de Servizos sociais de San Valentín. Agora pasan ao CEIP Centieiras, en Perlio, onde terán lugar todos os martes desde o 14 de marzo ata 30 de maio en horario de 16.30 a 18.00h. A coordinadora do programa é a pedagoga municipal Mª José Paz.

Lea también

La oficina móvil de la Xunta visita Mugardos para informar sobre el programa RETORNO

El Concello de Mugardos recibió recientemente la visita de la oficina móvil de la Xunta …