75 persoas participan nas Tardes Activas organizadas polo Concello de Fene

Actividade nas Tardes Activas – Concello de Fene

Tardes Activas é un programa orientado ás persoas que xa entraron na madureza co obxectivo de que enchan o seu tempo libre dun xeito proveitoso e saudable. E é que esta iniciativa lles ofrece distintas opcións para manter a cabeza en forma e para compartir tempo con outras persoas. Na presente edición dos obradoiros hai inscritas 75 participantes e nalgúns aínda quedan vacantes. O departamento de Benestar social e Igualdade –organizador do programa– cubrirá as prazas por orde de inscrición, que deberá facerse no Centro Municipal de Servizos sociais de San Valentín ou ben a través das entidades veciñais colaboradoras.

Tardes Activas é unha proposta que se desenvolve en varios locais sociais do territorio con horarios e actividades distintos dependendo do sitio, xa que se pretende que calquera persoa poida ir a un, a dous ou aos tres obradoiros relacionados coa memoria que se ofrecen e que, ademais, lle queden o máis preto posible.

Así, os luns en Limodre –18 a 19.30h.– e os martes en San Valentín –de 16.45 a 18.15– lévanse a cabo exercicios de Activación de memoria consistentes en xogos grupais e sinxelos exercicios cos que evitar a chegada dos esquecementos máis frecuentes a partir de certas idades, como por exemplo non lembrar onde se botaron as chaves, onde se gardou un obxecto ou como se chamaba tal ou cal persoa.

Outra actividade que xa se está levando a cabo é Recordando o noso, consistente en traballar as diferentes funcións cognitivas a través da rememoración de vivencias. Un exercicio que, ademais, tamén servirá para recuperar a historia de cada parroquia desde a óptica que elixa cada grupo.

As sesións teñen lugar nos locais da ACDR Liga de Amigos de Barallobre os mércores de 18.15 a 19.45h.; nas sedes da SCRD Agarimo de Sillobre e da ACRD O Pote de Maniños os martes de 18.30 a 20.00h.; os mércores no local do CMI Unidade de Fene entre as 16.45 e as 18.15h. e, por último, os venres as sesións tamén teñen lugar entre as 19 e as 20.30h no local da AVV. San Xurxo de Magalofes.

A terceira proposta do programa “Tardes activas” para os próximos meses é o obradoiro de Recuperación de memoria, no que se realizan actividades grupais encamiñadas a mellorar tanto a capacidade para acordarse das cousas como a orientación e a atención, co obxectivo de manter á raia ou retrasar todo o que se poida a aparición de demencias.

Neste caso os encontros son todos os xoves –16.30 a 18.00h– no Centro Municipal de Servizos Sociais, onde se centralizan as inscricións para todos os obradoiros e onde tamén nos poden facilitar máis información, ben presencialmente, ben a través dos teléfonos 981 492 706 e 981 342 607, ou no correo servizos.sociais@fene.gal.

Desde este departamento comunican que nestes momentos hai 5 prazas libres para participar en Activación da memoria e Recordando o noso.No caso da actividade de Recuperación da memoria de San Valentín hai 2 prazas dispoñibles. Os obradoiros están encadrados na programación de Envellecemento Activo do Concello de Fene.

Lea también

O Novembro, mes do humor continúa co espectáculo Eran elas de Avelino González

O Museo do Humor Xaquín Marín de Fene acolle este venres 22 de novembro, a …