A compañía Tertulia Producción levará este domingo, día 19, ao Pazo da Cultura de Narón, o concerto «Dr. Queen». Trátase dunha homenaxe a Freddie Mercury, a modo de tributo ao fundador e vocalista da banda de rock Queen e cunha proposta única e innovadora que leva máis de dezasete anos en xira.
O espectáculo dará comezo ás 19.00 horas e as entradas están xa á venda na billeteira do Pazo ou na web do Padroado –www.padroadodecultura.es-. Na venda anticipada o prezo é de 18 euros no patio de butacas e de 15 nos anfiteatros, pero no caso de adquirilas o propio día da actuación ascende a 22 e 20 euros, nas respectivas ubicacións.
A música, as vestimentas e a posta en escena son fundamentais neste concerto. A banda Doctor Queen está considerada como a mellor de tributo a Queen polos coidados cos que tratan cada detalle do espectáculo.
Durante as dúas horas de duración deste concerto o público escoitará temas clásicos, pero tamén máis recentes que farán gozar aos asistentes desde o comezo da actuación.