Máis de 70 cativas e cativos da comarca participarán na 2º xornada do Baby Basket

O pavillón do CEIP da Solaina, en Narón, acollerá este sábado, de 10.00 a 12.00 horas, a segunda xornada do Baby Basket, unha concentración de equipos de toda a comarca que terá como protagonistas a nenos e nenas de Primeiro e Segundo curso de Ensino Primario. Logo da primeira actividade en Ferrol o pasado mes de xaneiro, será o Baloncesto Narón o encargado de organizar, coa colaboración do Concello, a segunda xornada, na que se darán cita máis de 70 cativas e cativos de catro clubes da comarca, incluído o anfitrión: o Universitario Ferrol, o Costa Ártabra e o CB As Pontes. En total, están inscritos oito equipos.

A concentración ten un carácter lúdico, non competitivo, e consiste na disputa de partidos entre os diferentes conxuntos participantes. Cada encontro –que se desenvolverá sen marcador– terá unha duración de 24 minutos divididos en dous tempos. Todos os equipos xogarán entre dous e tres partidos, segundo o calendario elaborado para a ocasión.

Esta tempada é a primeira na que o Baby Basket se desenvolve en diferentes xornadas, a diferenza dos anos anteriores, nos que este evento tiña un carácter anual. O obxectivo é fomentar a práctica do baloncesto entre os máis novos para que as categorías de base sigan medrando como nos últimos anos.

Lea también

109 participantes acuden ó XIX Torneo Cidade de Narón de Tiro con Arco

O pavillón polideportivo municipal da Gándara acolle este sábado 23, a décimo novena edición do …