Narón poderá derivar a cinco candidatos aos cursos de socorrismo da Deputación

A Deputación da Coruña convoca, a través do Plan de Emprego Local (PEL) dous cursos de Socorrismo en espazos acuáticos naturais e Socorrismo en instalacións acuáticas. A convocatoria diríxese a persoas desempregadas e permite ao Concello derivar a un máximo de cinco candidatos da cidade, que deben entregar a documentación pertinente como data tope o vindeiro venres, día 17incluído– ata as 13.00 horas na oficina da Axente de Desenvolvemento Local –no entrechán do Concello-. As persoas que cumpran os requisitos esixidos derivaranse atendendo á orde de entrega da documentación no Concello. A edil de Formación, Natalia Hermida, indicou que os interesados terán que cumplimentar os formularios de inscrición –que se poden descargar das webs da Deputación ou do Concello de Narón– e, subliñou, remitilos cos informes médicos requeridos para poder participar no proceso de selección dos candidatos. As esixentes probas físicas correspondentes á zona, nas que se inclúe aos candidatos de Narón entre o Grupo 1, celebraranse o vindeiro sábado 18 de febreiro no Complexo Deportivo Javier Gómez Noya, en Caranza (Ferrol), a partir das 8.15 horas.

O curso de Socorrismo en espazos acuáticos naturais ten unha duración total de 420 horas, das que 340 son de formación teórica e as 80 restantes práctica. A convocatoria de Socorrismo en instalacións acuáticas é de 370 horas, 290 teóricas e 80 prácticas, tal e como se especifica desde a administración provincial. A inscrición debe realizarse para as dúas modalidades formativas, se ben a primeira delas iniciarase o vindeiro mes de marzo e a segunda en outubro deste ano.

A formación teórica desenvolverase nas instalacións da Federación de Salvamento e Socorrismo de Galicia (Fesga) –rúa Gambrinus, nº 151, nave 3, A Coruña-, de luns a venres a razón de seis horas diarias e en horario de mañá, de 9.00 a 15.00, durante un período de tres meses. Así mesmo, as prácticas profesionais non laborais realizaranse en praias de concellos da provincia a partir do mes de xuño, indicaron.

Para obter máis información sobre esta convocatoria pódese chamar á Axencia de Desenvolvemento Local do Concello de Narón, ao número de teléfono 981 337 700 (ext. 1123).

Lea también

Inaugúrase en Narón o Centro de Interpretación dos Muíños Industriais de Xuvia

O Centro de Interpretación dos Muíños Indutriais de Xuvia (CIMIX) está xa aberto á cidadanía …