Teatro do Noroeste estrea mañá «Estado de graza» coa que conmemora o seu 30 aniversario

A compañía Teatro do Noroeste cumpre neste 2017 «trinta anos actuando». Trinta anos ininterrompidos en escena durante os cales realizaron 36 producións teatrais e representaron máis de 1.250 funcións. De feito non houbo nin un só ano dende 1987 no que Teatro do Noroeste non estreará alo menos unha montaxe teatral.

Para conmemoralo a compañía estrea o venres no Pazo da Cultura de Narón Estado de Graza, unha obra escrita e dirixida por Eduardo Alonso e intrepretada por Luma Gómez, Imma Antonio, Manuela Varela e Nini True.

Con Estado de Graza Teatro do Noroeste pecha unha serie de espectáculos relacionados coa memoria histórica que se iniciou con Imperial Café Cantante. Vigo 1936 e continuou con Glass City e Palabras Malditas.

Nesta ocasión a obra sitúase nos días previos e posteriores á morte de Franco. Nese contexto a peza vai situando certeiras cargas de profundidade que obrigan á reflexión respecto a cuestións trascendentes como as diferencias xeracionais e de clase ou a defensa das liberdades individuais fronte ao xugo que impoñen a relixión e as convecións sociais.

Así, o duro enfrontamento entre unha xeración dominada pola beatería máis contumaz e a seguinte que chega coa liberdade por bandeira queda representada na difícil relación entre unha filla que ansía a liberdade e unha nai dominada polas crenzas relixiosas máis profundas. Todo elo situado no tardofranquismo, seguramente o momento histórico no que dúas xeracións consecutivas estiveron máis distantes ideoloxicamente.

SINOPSE

Lola é unha moza dunha boa e acomodada familia formada pola súa nai, de fortes crenzas relixiosas, e un pai constantemente ausente por múltiples viaxes, que en realidade son fuxidas. A súa irmá, Soledad, suicidárase sendo ela nena tirándose do torreón da casa.

Con 16 anos Lola comete un pecado que naqueles tempos non podía ser perdoado ás mozas de boa familia, queda embarazada. Para evitar o escándalo a súa nai envíaa a parir a Bilbao a unha institución que en realidade resulta ser unha tapadeira de latrocinio de bebés. Unha vez da a luz Lola fuxe dalí e agóchase en Madrid co seu bebé.

No ano da morte de Franco, Lola regresa a súa casa natal despois de pasar 14 anos sen dar sinais de vida. Acompáñaa a súa filla autista. Lola regresa por unha razón de peso. Téñenlle diagnosticado un cancro e quédanlle poucos meses de vida. A chegada de Lola e da súa filla revoluciona o monótono vivir das dúas beatas que habitan a casa, a súa nai é unha criada que a acompaña na vida e nos rezos. Ao mesmo tempo que agoniza o dictador, agoniza unha forma de vivir, de sentir a relixión e de estar na sociedade.

A COMPAÑÍA

Teatro do Noroeste é unha compañía de teatro profesional galega fundada no 1987 por Eduardo Alonso e Luma Gómez. Nestes 30 anos ten producido e distribuído 36 espectáculos, todos eles estreados en teatros galegos, dos que fixeron más de 1.250 representacións.

Entre estes espectáculos pódense salientar desde textos clásicos como Rei Lear, Macbeth ou Noite de Reis, de William Shakespeare, ou As vodas de Fígaro, de Caron de Beaumarchais, até textos contemporáneos como Os Xustos, de Albert Camús, ou de autores galegos como Historias Peregrinas, A grande noite de Fiz, de Miguel Anxo Murado, Unha rosa é unha rosa, de Suso de Toro ou Imperial: Café cantante. Vigo 1936, Glass City ou Palabras Malditas, de Eduardo Alonso, entre moitos outros.

Lea también

MIRALLAS presenta no CIRS de Cervás, Ares «elas pintan moito» no marco do 25N

Este sábado día 23, o grupo MIGALLAS porá en escea o espectáculo “ELAS PINTAN MOITO”; …