Representantes da corporación local de Narón, encabezada polo alcalde, José Manuel Blanco, e persoal funcionario e laboral do Concello asistiron esta mañá, ás 12.00 horas, á concentración convocada desde o goberno local en repulsa do asasinato de Virgina Ferradás Varela, unha muller de 55 anos do Carballiño (Ourense) que foi acoitelada na xornada de onte, domingo, presuntamente polo seu marido, José Alén L., de 59 anos, na vivenda familiar, na rúa Alexandre Bóveda. O rexedor local e a Concelleira de Igualdade, Teresa Sabio, condearon este novo caso de violencia de xénero, o primeiro rexistrado en Galicia no que vai de ano e o quinto en España neste 2017.
As persoas que acudiron á concentración gardaron un minuto de silencio e, a continuación, axitaron unhas botellas para facer ruído en sinal de repulsa deste tipo de actos, condeados firmemente desde o Consistorio. Os representantes do goberno local sostiveron unha pancarta de cor lila co lema: “Narón contra a violencia de xénero” e incidiron na importancia de que as vítimas de maltrato presenten a oportuna denuncia para así poder recibir a axuda que precisen e contribuír a erradicar esta lacra social.