O BNG pídelle á Xunta a humanización e mais o traspaso da Estrada de Castela ao Concello de Narón

(Foto J.P.)

O Bloque Nacionalista Galego de Narón vén de pedirlle á Xunta de Galiza a execución de obras de humanización do treito da Estrada de Castela que atravesa o municipio e o seu posterior traspaso a mans municipais. O Consello Local da organización nacionalista rexistrou unha batería de emendas aos Orzamentos da Xunta que inclúe esta actuación integral no que é o principal eixo vertebrador do concello.

Non foi esta a única emenda presentada pola formación nacionalista para Narón e que recolle algunha das propostas do BNG nos últimos tempos. Así, o documento inclúe tamén partidas –en concreto 3 millóns de euros- para a construción dun novo centro de ensino primario e secundario na zona urbana (que oferten todos os servizos necesarios para favorecer a conciliación familiar), tendo en conta o incremento de poboación nova rexistrada nas dúas últimas décadas no Concello e na insuficiencia da oferta, que, como se sabe, ten levado a que perto de 500 menores do municipio estean matriculados en centros de concellos limítrofes.

O BNG tamén demanda o esforzo económico da Consellería de Sanidade na construción do novo centro de saúde do Concello. O convenio coa Xerencia do Sergas asinouse o ano pasado e, como nos exercicios anteriores, o Concello ten reservada unha partida de 500.000 euros para a súa construción, ademais de ter posto xa a disposición da administración autonómica os terreos nos que se vai erguer o novo equipamento. Neste caso, a formación nacionalista reclama á Xunta o engádego dunha partida específica de dous millóns de euros para a posta en marcha do proxecto.

O saneamento é outro dos puntos para os que o BNG reclama unha partida económica. Así, as emendas presentadas pola organización nacionalista ao Goberno galego contemplan financiamento para actuacións no rural (un millón de euros) e noutras zonas limítrofes, en consonancia coa moción presentada no pleno ordinario de xaneiro e aprobada malia os votos en contra do Partido Popular.

Lea también

Uns 350 escolares participan nos obradoiros de murais programados dende polo Concello de Narón en centros de ensino

Uns 350 escolares de once centros de ensino de Narón participan nos obradoiros de murais …