O concello de Narón celebrou o Día Internacional en Memoria das Vítimas do Holocausto

A alcaldesa accidental de Narón, Marián Ferreiro, presidiu este venres o acto programado no Concello con motivo do Día Internacional de Conmemoración en Memoria das Vítimas do Holocausto. A convocatoria, organizada conxuntamente coa Asociación Memoria Histórica Democrática, á que Ferreiro agradeceu a súa labor, desenvolveuse no salón de plenos a partir das 10.00 horas e pechou a programación deseñada pola administración local e a citada entidade con motivo desta data, que se conmemora cada 27 de xaneiro. Acudiron os portavoces de grupos políticos e algúns edís da corporación local e tamén alumnado de terceiro e cuarto curso de ESO do colexio do Feal xunto con profesorado do centro.

«Entendemos que desde o Concello de Narón non podiamos deixar pasar a ocasión de organizar un acto, aínda que sinxelo como este, no que recordar aos millóns de persoas asasinadas nos campos de concentración e exterminio da Alemaña nazi e noutros territorios ocupados por este país naquela época»   sinalou Marián Ferreiro.

Ferreiro subliñou o feito de que «esta barbarie entendemos que non pode quedar no esquecemento» .

Pola súa parte, o presidente da Asociación Memoria Histórica Democrática, Enrique Barrera, iniciou a súa intervención agradecendo a colaboración do Concello de Narón, ensalzando o feito de que se trata «dunha administración local que a maiores das súas tarefas preocúpase por educar en valores» .

 «Esta traxedia é a máis negra da historia da humanidade, coa que se tocou fondo» , asegurou Barrera, que recitou no acto dous poemas relacionados con esta etapa histórica, un de Martín Niemoller, un pastor protestante que colaborou inicialmente cos nazis e, tras quedar aterrorizado co que acontecía, opúxose ao réxime, e o segundo autoría dun xudeu, Primo Levi, un dos poucos supervivintes de Auschwitz. «Sabemos que isto xa pasou e facendo esta conmemoración e tendo presente que isto pode volver a acontecer faremos seguramente un mundo mellor» , apuntou Barrera.

A continuación, alumnado do colexio do Feal procedeu a acender seis velas en recordo das vítimas do Holocausto e tamén daquelas persoas que axudaron a salvar vidas. A primeira, que representa aos seis millóns de xudeus adultos que foron exterminados, acendeuna Gabriel Pardo; a segunda Itxiar Ali, en representación de seis millóns de adultos exterminados que pertencían a outras etnias (xitanos) ou colectivos (disidentes políticos, homosexuais, prisioneiros de guerra rusos, polacos); a terceira, en recordo de dous millóns de nenos e nenas que foron exterminados, acendeuna Víctor Dasilva; a cuarta, en representación de aproximadamente 8.300 españois republicanos que morreron nos campos nazis de exterminio, a maioría en Mauthausen, acendeuna María Arribí; a quinta, Pedro Díaz, en lembranza de todos os supervivintes do Holocausto e a sexta e última, Thea Atkins, en agradecemento ás persoas que axudaron a salvar vidas durante o Holocausto.

Lea también

O Pazo da Cultura acolle a “XXXV Gala do Deporte de Narón”

O Pazo da Cultura de Narón acolle este venres 22 unha nova edición, a trixésimo …