O BNG reclama a participación de Augas de Galiza no saneamento das zonas limítrofes entre Narón, Neda, San Sadurniño e Valdoviño

Os portavoces municipais do Bloque Nacionalista Galego en Narón, Neda, San Sadurniño e Valdoviño presentarán estes días nos seus respectivos Concellos unha moción para o seu debate no pleno na que reclaman a participación do organismo público Augas de Galiza no saneamento das zonas limítrofes dos diferentes municipios e na que instan aos gobernos locais a manter unha xuntanza na que perfilar os diferentes proxectos. A moción foi presentada na mañá  deste luns polos portavoces do BNG en Narón, Pablo Villamar, e Valdoviño, Alberte Ameneiros.

Villamar lembrou que «o saneamento ten que ser unha prioridade para as administracións ao se tratar dun servizo básico para a cidadanía. En moitos casos- engadiu- esas actuacións atópanse nos límites rurais ou periurbanos entre dous concellos, polo que para o seu desenvolvemento cómpre a participación non só das administracións locais competentes, senón tamén o financiamento complementario dun organismo como Augas de Galiza» que, como asegurou Villamar, «xa ten axudado a través de diferentes convenios asinados na segunda metade do ano pasado a un bo número de Concellos galegos, entre os que non nos atopamos ningún dos que conxuntamente asinamos esta moción».

Ameneiros, pola súa banda, reclamou máis transparencia a Augas de Galiza á hora de conceder fondos, «pois polo que sabemos non se estabeleceron uns criterios obxectivos á hora de valorar e achegar eses fondos». O voceiro nacionalista no Concello de Valdoviño sinalou que existen zonas limítrofes nas que a rede de saneamento non está completa e que darían servizo a «decenas de veciños e veciñas» que agora non o teñen.

Lea también

La AD Náutico de Narón obtiene buenos resultados en el Cto de España de Duatlón

Buenos resultados del Shark Team en el Cto de España de Duatlón disputado en Ciudad …