Narón acolleu esta mañá un aula móbil informativa para fomentar a reciclaxe

A campaña de reciclaxe Oportunidades Galicia. Separemos ben. Reciclaremos mellor. Non rompas o esforzo de todos. Recicla, impulsada desde a Consellería de Medio Ambiente, en colaboración con Ecoembes, Sogama e, neste caso, a Concellería de Servizos de Narón, chegou hoxe á localidade. Un vehículo instalado na Praza de Galicia informou á veciñanza sobre as vantaxes e a importancia de reciclar os residuos. O edil da área, Ibán Santalla e o tamén concelleiro naronés Román Romero visitaron esta mañá a citada aula móbil informativa, que estivo permaneceu operativa desde as 11 ata as 14 horas.

A través desta campaña informouse á veciñanza sobre os residuos que se deben depositar en cada un dos colectores, atendendo á cor destes últimos, e tamén se agasallaba aos nenos cunha serie de xogos relacionados con esta temática e unha bolsa publicitaria desta iniciativa.

O edil de Servizos destacou a importancia de respaldar este tipo de campañas, así como de calquera outra proposta encamiñada ao coidado do medio ambiente e a manter limpos os municipios. Santalla agradeceu a colaboración dos veciños de Narón en xeral e tamén do sector hostaleiro en particular, para colaborar na reciclaxe de residuos, depositándoos no colector axeitado e tamén nos horarios estipulados para tal fin.

Así mesmo, o edil de Servizos recordou que o Concello dispón dun Punto limpo no polígono industrial de Río do Pozo (fronte a Sogama), aberto de luns a venres en horario de 9 a 13 e de 16 a 19 e os sábados de 9 a 14 horas. A maiores, o Concello dispón dun servizo de recollida, co que se pode contactar no número de teléfono 981 391 074 e impulsa campañas puntualmente para incidir na importancia da reciclaxe. A última deste ano realizouse a través da empresa Cosma, co reparto dunha Guía de reciclaxe en Narón que se entregou co último recibo dos clientes da compañía.

«A colaboración dos veciños e das veciñas de Narón é fundamental para manter a cidade nas mellores condicións de limpeza posibles, e queremos implicar aos nenos e nenas desde pequenos para así contribuír á xeración duns hábitos que se manteñan no tempo e que ano tras ano nos permitan elevar as taxas de reciclaxe de residuos na nosa cidade», destacou Santalla.

Lea también

O Pazo da Cultura acolle a “XXXV Gala do Deporte de Narón”

O Pazo da Cultura de Narón acolle este venres 22 unha nova edición, a trixésimo …