Odeón acolle dúas mesas informativas con motivo do Día das persoas con diversidade funcional

Os actos programados desde o Concello con motivo do Día Internacional das persoas con diversidade funcional continuarán hoxe nas instalacións do Centro Comercial Dolce Vita Odeón. A partir das 16:30 horas terá lugar unha Mesa informativa sobre Modificación da capacidade de tutela, na que intervirán Moisés Lamigueiro, responsable do programa de Atención ás Familias de Fademga; María José Fernández, avogada de Fademga, e José Luis Oñate, responsable da área de Traballo Social e do Programa de Familias da Asociación Nuestra Señora de Chamorro. A cita –cun aforo limitado a cen persoas- terá lugar no local que ocupaba na planta baixa de Odeón o establecemento Oysho.

Tras un pequeno descanso, ás 18:15 horas dará comezo –na mesma ubicación- outra mesa informativa, a cargo de Rocío Torres, directora da residencia Santa Ángela de la Cruz, para persoas con sordocegueira e de Cristina Casteleiro, nai dun neno de Narón con diversidade funcional. Torres informará ás persoas que acudan ao acto do proxecto educativo do centro e dos servizos da residencia, mentres que Casteleiro impartirá a ponencia Vivencia do nacemento de Lucas. Esta segunda mesa rematará sobre as 19:30 horas, según as previsións.

Na xornada de mañá venres, instalaranse nunha das plazoletas do Centro Comercial Dolce Vita Odeón mesas informativas das distintas asociacións de diversidade funcional, nas que se poderá recibir información de 10 a 14 e desde as 16 ata as 20 horas. Entre as 18 e as 19:30 tamén se realizarán en Odeón obradoiros interactivos con finalidade lúdica e educativa monitorizados polas entidades e abertos á participación do público en xeral.

Este ano participan na Mostra interactiva sobre inclusión social de diversos colectivos, na que se enmarcan todos os actos citados anteriormente, entre outros, a Asociación ASCM, a Asociación Vida Activa, Aspanaes, Aspanemi, Chamorro, Aspaneps, Cogami, Afaes, Teima, Fademga, Asociación  Nuestra Señora de Chamorro, Asociación Grupo Diversidade Funcional de Ferrol e Comarcas, Asociación de Persoas Xordas de Ferrol e o Centro residencial e unidade de día Santa Ángela de la Cruz (Apascide).

Así mesmo, o mural Todos e todas somos parte dun colectivo con diversidades funcionais, realizado por alumnas e alumnos de sexto curso de Primaria do colexio Jorge Juan poderá verse en Odeón ata mañá.

Lea también

109 participantes acuden ó XIX Torneo Cidade de Narón de Tiro con Arco

O pavillón polideportivo municipal da Gándara acolle este sábado 23, a décimo novena edición do …