O Pazo da Cultura acollerá mañá, a partir das 22 horas, un concerto a cargo de Freedonia, na actualidade unha das bandas de referencia na música soul e funk. O espectáculo durará unhas dúas horas e as entradas aínda dispoñibles están á venda na billeteira do Pazo da Cultura, a un prezo de 9,50 euros para o público en xeral e de 6,65 para abonados, persoas con carné xove ou de estudante (ata 25 anos) e desempregados.
O grupo Freedonia constituíuse no ano 2006 e publicou no 2012 o seu primeiro álbume homónimo cofinanciado a través da técnica do crowfunding. En decembro de 2014 lanzou o seu segundo traballo, Dignity and Freedom. Os seus temas soarán este sábado nas instalacións do Pazo da Cultura, onde o público poderá gozar coa calidade do repertorio desta banda de soul.
O concerto de mañá dará paso o sábado, día 26, a dous espectáculos no Pazo, un de teatro infantil e outro de danza. O Café Teatro acollerá unha representación teatral dirixida a bebés e público familiar e infantil. Múuu… Las cosas de Celia é o título deste espectáculo, de media hora de duración e que comezará ás 18 horas. O prezo das entradas, á venda na billeteira do Pazo, é de 9,50 euros para o público en xeral e 6,65 para abonados, persoas con carné xove ou de estudante e desempregados.
A música e as cores centrarán este espectáculo, no que os bebés teñen a oportunidade de gozar dunha multitude de sons, pero tamén de trucos de maxia, marionetas e xogos malabares. Trátase dunha proposta moi variada que fará gozar aos asistentes desde o seu inicio.
A segunda proposta cultural, tamén para a xornada do sábado, correrá a cargo da compañía Nova Galega de Danza, que trae a Narón o seu espectáculo Son. A danza contemporánea fusiónase neste evento coa tradicional galega e o flamenco, cunha decena de coreografías conectadas entre si. Dará comezo ás 20 horas e as entradas teñen un prezo de 9,50 euros para o público en xeral e de 6,65 para abonados ou persoas que poidan acollerse á tarifa reducida.