O artista portugués Manuel Antonio da Silva Marqués Patinha foi investido esta mañá no Concello «Fillo Adoptivo de Narón», nun acto enmarcado no programa conmemorativo do Día de Narón, que se celebra cada 23 de novembro na cidade. O alcalde, José Manuel Blanco, encargouse de entregarlle un pergamiño que acredita a distinción e a Medalla da cidade, nun acto que tivo lugar no salón de plenos ás 12 horas e ao que asistiron ademais representantes da corporación local, amigos e familiares do homenaxeado –entre eles un dos seus dous fillos, Abraham- e integrantes de asociacións veciñais e entidades culturais de Narón e comarca.
Previamente Patinha asinou no despacho do alcalde, acompañado polos portavoces da corporación e algúns familiares e amigos, no Libro de Ouro de Narón, deixando constancia no seu texto de que está «moi agradecido por este recoñecemento da cidade de Narón, donde encontrei traballo e amor», e tamén improvisou un debuxo. Patinha, que é a primeira persoa trala Democracia en recibir esta distinción na localidade, casou cunha naronesa e tivo dous fillos, Abraham e Judith. Na actualidade vive no veciño municipio de Ferrol pero residiu máis de trinta anos en Narón, na Gándara e na Faísca, donde exerceu como escultor e tamén como pintor.
Tras proxectarse un vídeo que resumía a vida e obra de Manuel Patinha tomou a palabra en representación dos seus amigos Eva Ocampo, unha das promotoras do acto xunto con Pedro Taboada, da Sociedade Artística Ferrolana, e Siro López, do Club de Prensa de Ferrol. Na súa intervención Ocampo agradeceu o acto organizado polo Concello de Narón e recordou a traxectoria vital e profesional de Patinha, que o levou a exercer diferentes oficios e residir en varios países. «Esta distinción parécenos moi merecida e contribúe a que un municipio florecente como é Narón gañe fermosura con obras tan imperecedeiras como son as de Patinha», apuntou Ocampo.
O homenaxeado, moi emocionado durante o acto, tomou a palabra para recoñecer que o de hoxe «é un día moi feliz para min e vai quedar gravado no meu corazón para sempre». Tivo palabras o artista para a súa vila natal, Póvoa de Santa Iria, en Portugal, e tamén para recordar os seus inicios académicos e os maestros que o aleccionaron na súa traxectoria. «É un gran orgullo ver as miñas obras colgadas nas paredes deste edificio e as miñas esculturas nos espazos públicos de Narón, froito do gran entendemento que sempre tiven cos responsables políticos deste municipio», subliñou. Así mesmo, destacou o apoio dos seus amigos, rematando a súa intervención mencionado a Álvaro e Divina, veciños da Faísca que o acolleron na súa casa, e tamén ao presidente da Câmara Municipal de Penafiel (Portugal), Antonino Sousa, e ao director xeral do Clínico da Rexión Norte, Almiro Marcos, estes dous últimos presentes no acto de hoxe.
Esculturas como Anduriña, na praza da Gándara; Evangelio, no Concello; Ave linda, na praza de Fernándo Yáñez (Alto); A persistencia, no Auditorio, entre outras, así como óleos e grabados forman parte dos traballos de Patinha no municipio naronés. O alcalde, José Manuel Blanco aludiu ao acordo plenario no que se acordou o nomeamento de Patinha como Fillo Adoptivo, o pasado mes de abril, e destacou a calidade dos traballos do homenaxeado. «Esperamos seguir incrementando nos vindeiros anos o patrimonio artístico de Narón con obras de Patinha, unha persoa á que desexamos moitos máis éxitos e á que agradecemos dun xeito especial que continúe defendendo e valorando fóra das nosas fronteiras á oitava cidade de Galicia», asegurou Blanco. O alcalde tivo tamén palabras de agradecemento para os impulsores da iniciativa e para os asistentes ao acto.
Desde as 16 horas, e ata as 17:30 os actos do Día de Narón continuaron na praza 23 de Novembro, en Santa Icía, con obradoiros infantís para nenos cun espectáculo do grupo galego de música infantil Gramola Gominola, de 17:30 a 18:45. Ademais, a partir das 20 horas procederase á entrega, no Pazo da Cultura, dos premios do VIII Concurso de Pintura Cidade de Narón, ao que se presentaron un total de setenta obras (en conxunto, nas categorías de adultos e infantil).
O programa de actos do Día de Narón –iniciado o pasado 19- finalizará o sábado, día 26, co recoñecemento que terá lugar no Val, a partir das 17 horas, ao exalcalde naronés Antonio Martínez Aneiros, que dará nome a unha rúa e a un complexo de instalacións localizadas na citada parroquia, tal e como se acordou en sesión plenaria.