Aberto o prazo de inscrición para acceder aos servizos da Ludoteca da Solaina

A Ludoteca municipal da Solaina, localizada na rúa Cardenal Cisneros número 2, baixo, mantén aberto o prazo de inscrición para os nenos de 2 a12 anos, dispoñendo de capacidade para 40 persoas. Así o recordou a concelleira de Ensino, Mercedes Taibo, que explicou que «tan só é preciso cubrir un formulario que se entregará no centro e que lles permitirá acceder aos servizos que se prestan nestas instalacións». «Para as actividades temáticas que se desenvolven ao longo do ano é necesario preinscribirse, ao tratarse de prazas limitadas que se adxudican por rexistro de entrada», apuntou a edil.

A infancia e as súas familias son os colectivos aos que se dirixen os servicios prestados desde a Ludoteca municipal. «Trátase de colaborar na medida das posibilidades da administración local na conciliación da vida familiar e laboral, pero a maiores, o feito de contar con este tipo de instalacións permite impulsar desde o Concello numerosas actividades de carácter cognitivo, sensorial e intelectual cos libros e xoguetes como referencia», explicou Taibo. As actividades que se realizan no centro son de balde e a maiores das mesmas, deseñadas en función das idades dos participantes, a Ludoteca conta tamén cun servizo de préstamo domiciliario de material de lectura.

«Estas instalacións cumpren un papel moi importante a nivel formativo e educativo», asegurou a concelleira de Ensino. A edil animou á veciñanza a facer uso deste centro e recordou que «tamén permite implicar ás familias das nenas e dos nenos nunha gran variedade de actividades, de xeito cooperativo e coa colaboración dunha orientadora e dunha monitora que traballan nesta ludoteca». Animación á lectura, xogos e técnicas de estudo, xogos cooperativos, actividades artísticas e psicomotricidade e ritmo forman parte do calendario de actividades. Os nenos de dous anos deben ir acompañados por un adulto en horario de xogo libre, ao non participar nos obradoiros habituais convocados desde o centro. Os venres toda a tarde se reserva para xogo libre, xunto con información e préstamo de libros a última hora, de 19 a 20 horas.

As instalacións abren as súas portas do 8 de xaneiro ao 25 de xuño e desde o 10 de setembro ata o 21 de decembro no período escolar, de luns a venres en horario de 16 a 20 horas. Nas xornadas non lectivas, do 26 de xuño ao 9 de setembro e do 21 de decembro ao 7 de xaneiro abren de luns a venres, de 10 a 14 horas. Para obter máis información pódese chamar ao número de teléfono 981 389 284 ou escribir ao correo electrónico ludoteca@naron.es.

Lea también

Aprobado no pleno de Narón o novo PXOM por unanimidade da corporación local

A corporación local de Narón aprobou na tarde de este xoves por unanimidade a aprobación inicial …