Remata en Narón o XXV Ciclo Tempo de Música, organizado pola AVV do Couto

As actuacións das corais A culpa foi de Lolo (Neda) e Amistad, da AVV do Couto (Narón), porán fin o vindeiro domingo, día 30, ao XXV Ciclo Tempo de Música, organizado pola entidade veciñal do Couto coa colaboración do Padroado da Cultura do Concello de Narón. A actuación dará comezo ás 18 horas no local social e a entrada é de balde.

A vixésimo quinta edición deste ciclo musical, unha das tradicionais citas do calendario de actos programados pola AVV do Couto, iniciouse o pasado 2 de outubro, coa actuación da Banda Xuvenil Sementeira, de Narón. O 9 de outubro subíronse ao escenario do local social do Couto os integrantes da Rondalla de Cariño e da Coral Polifónica Alborada (Viveiro). As corais Eterna Juventud (Fene) e Brisas do Mar (Ponteceso) actuaron o 16 de outubro e na cuarta xornada, o pasado día 23, foi o turno da coral Airiños de Caranza (Ferrol) e do Orfeón de Moaña (Pontevedra).

A organización desta convocatoria animou aos veciños a presenciar as actuacións do vindeiro domingo, nas que poderán gozar unha xornada máis da calidade das corais, neste caso tamén dunha local, a da propia AVV do Couto. Así mesmo agradeceuse a participación do resto de formacións musicais nesta nova edición do evento.

Lea también

O Pazo da Cultura acolle a “XXXV Gala do Deporte de Narón”

O Pazo da Cultura de Narón acolle este venres 22 unha nova edición, a trixésimo …