O Pazo da Cultura acollerá una charla-coloquio onde participará Javier Gómez Noya

naron-pazo da cultura

O concelleiro de Deportes, Román Romero, e o presidente da Agrupación Deportiva Náutico Narón, Amando Guerrero, anunciaron esta mañá no Concello a convocatoria a Charla-coloquio Triatlón, presente e futuro, na que participarán o pentacampión mundial e medalla de plata en Londres 2012, Javier Gómez Noya; a naronesa Sara Guerrero, triatleta internacional e quinta clasificada na Tiszaujvaros triathlon European Cup (Hungría), e David Castro, do clube La Roda, de Albacete, campión de Europa sub23 e recente gañador da Copa do Mundo de Salinas (Ecuador).

A cita programouse para o vindeiro luns, día 24, a partir das 20:30 horas no Pazo da Cultura de Narón e o encargado de presentar a charla e de moderar o debate posterior será o xornalista deportivo Antón Bruquetas, que xunto co tamén xornalista Paulo Alonso escribiu o libro A pulso. La historia de superación de Javier Gómez Noya. A Concellería de Deportes de Narón coorganiza este evento, no que tamén colabora o Padroado da Cultura de Narón, coa AD Náutico Narón, ao que o edil responsable da área animou a acudir tanto aos veciños e veciñas da localidade como da comarca.

A convocatoria permitirá aos asistentes escoitar por primeira vez nun acto público a Gómez Noya tras recoller o premio Princesa de Asturias dos Deportes 2016. Así mesmo, tal e como explicaron desde a organización, programouse co fin de dar a coñecer máis polo miúdo este deporte. Os tres triatletas explicarán aos asistentes cómo se iniciaron nesta práctica que inclúe tres disciplinas deportivas (natación, carreira a pé e ciclismo) e tamén as súas experiencias ao longo da súa carreira.

As persoas interesadas en asistir deberán recoller previamente a entrada ao acto, de balde, no Pazo da Cultura en horario de mañá e tarde ou nas instalacións da Agrupación Deportiva Náutico Narón, no pavillón polideportivo da Gándara, de 18 a 20 horas.

A AD Náutico Narón conta na actualidade cun total de sesenta licenzas de triatlón, con persoas de Narón e comarca e con nenos e nenas desde os oito anos, tal e como indicou o presidente da agrupación, Amando Guerrero.

Lea también

O Pazo da Cultura acolle a “XXXV Gala do Deporte de Narón”

O Pazo da Cultura de Narón acolle este venres 22 unha nova edición, a trixésimo …