O Pazo da Cultura de Narón acolle un monólogo de Enrique San Francisco

enrique-sanfrancisco-13-10O humorista e actor español Enrique San Francisco será o protagonista do monólogo que terá lugar mañá, a partir das 21:30 horas, no Pazo da Cultura. A firma Tertulia Producción é a encargada deste epectáculo, que consistirá nunha escolma dos mellores e máis afamados monólogos de San Francisco, caracterizados por un humor agudo e intelixente.

As entradas están á venda na billeteira do Pazo a un prezo de 12 euros nos anfiteatros e 15 no patio de butacas en venta anticipada e de 15 e 18 euros, respectivamente, no caso de mercalas o propio día da actuación.

O monólogo de mañá dará paso xa na xornada do sábado e o domingo ao teatro e o flamenco, respectivamente. A primeira das citas, o sábado día 15, está destinada ao público familiar e infantil. A compañía Caramuxo Teatro representará o espectáculo Redondo, pensado para nenos e nenas de 1 a 4 anos e no que Mr. Round e a súa obsesión polas cousas redondas centrarán diversas historias (inicialmente estaba prevista a representación da obra Zapatos, da mesma compañía). Poesía, música e danza misturaranse neste divertido espectáculo, cun marcado carácter didáctico. As entradas tamén están á venda no Pazo para os dous pases habilitados, un ás 18 e outro ás 19:30 horas e cun aforo máximo en cada función de cen persoas. O prezo é de 9,50 euros para o público en xeral e de 6,65 para o resto.

Por último, na xornada do domingo, día 16 será o turno do flamenco, que chegará ao Pazo da man de Choní Cía. Flamenca, co espectáculo Flamenco tratado, baseado nas experiencias nesta arte de Gloria Jiménez, a través da súa filla, Estrellita Jiménez, coa súa particular visión e diferentes estilos de flamenco. A cita comezará ás 19 horas no Pazo e as entradas teñen un prezo de 12 euros para o público en xeral e de 8,40 para abonados, persoas con carné xove ou de estudante (ata 25 anos) e desempregados.

Lea también

O Pazo da Cultura acolle a “XXXV Gala do Deporte de Narón”

O Pazo da Cultura de Narón acolle este venres 22 unha nova edición, a trixésimo …