Blanco aclara que o novo PXOM da localidade se prevé aprobar a finais de 2018

O alcalde de Narón, José Manuel Blanco, prevé que o novo Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Narón se aprobe definitivamente a finais do ano 2018. No pleno celebrado onte saíu adiante un reaxuste das anualidades destinadas á redacción do documento, no que figuran uns prazos orientativos marcados desde a administración autonómica. «A nosa intención é que o Plan Xeral de Ordenación Municipal se aprobe inicialmente a mediados do vindeiro ano, o que nos permitirá, no caso de que non se rexistren incidencias, aprobalo definitivamente a finais do ano 2018», asegurou Blanco.

O rexedor local recalcou que os investimentos previstos desde a Xunta de 45.936 euros no ano 2018; 91.872 no ano 2019 e os restantes 45.936 na anualidade de 2020 son «totalmente orientativos». «No caso de que os traballos pendentes avancen según as previsións do goberno local, desde o Concello solicitarase á Xunta que abone as cantidades asignadas antes do tempo marcado no cronograma, e non hai ningún problema para seguir axilizando os trámites e adiantando os pagos a medida que avancemos», explicou Blanco.

O alcalde naronés recoñece que «os traballos se están desenvolvendo cun pequeno retraso», incidindo en que esa demora responde en certa medida a que «o regulamento que aplica a nova Lei do Solo xa está aprobado, pero aínda non se publicou oficialmente». O que se trata de evitar desde o goberno local de Narón é, indicou o alcalde, que se repita o acontecido no ano 2002. «O Plan Xeral actualmente en vigor en Narón aprobouse no ano 2002, no mes de abril, e xusto en decembro dese mesmo ano a Xunta aplicou cambios na Lei do Solo, o que fixo que boa parte do traballo realizado durante varios anos no Concello para redactar o PXOM non servise para o documento final». Á vista da situación actual o alcalde asegurou que «en Narón non teremos que chegar ao ano 2020 para contar cun novo Plan Xeral de Ordenación Municipal».

Lea también

La AD Náutico de Narón obtiene buenos resultados en el Cto de España de Duatlón

Buenos resultados del Shark Team en el Cto de España de Duatlón disputado en Ciudad …