A concellería de Formación do Concello de Narón abrirá o vindeiro luns 26 o prazo de inscrición en seis novas accións formativas que se desenvolverán antes de que remate o ano. A edil responsable da área, Natalia Hermida, recordou que «se trata de cursos dirixidos a desempregados da localidade maiores de 18 anos».
Os cursos convocados son de Atención ao público e habelencias comunicativas, de 150 horas e con 15 prazas; de Prevención de riscos laborais con Prevención de Riscos (P.R.) e Medio Ambiente (M.A.) Naval, de 76 horas e con 20 prazas; Medio Ambiente Naval e Prevención de Riscos Naval, de 16 horas e tamén 40 prazas, 20 en cada unha das dúas edicións; Hixiene alimentaria para manipuladores de alimentos, de 5 horas e con 20 prazas; Primeiros auxilios, tamén con 20 prazas e de cinco horas, e, por último, Operador carretilleiro e Operador de plataforma elevadora con certificación UNE, de 35 horas e con 24 prazas, tamén con dúas edicións de doce alumnos ou alumnas cada unha.
Os participantes na acción formativa de Atención ao público e habelencias comunicativas abordarán temas como os procesos de venda, a venda online, atención ao público e técnicas de autocontrol, entre outros. No que respecta aos de Prevención de riscos laborais con P.R Naval e M.A. Naval e Prevención de riscos laborais e Medio Ambiente Naval trátase de áreas máis específicas para o citado sector, apostando por unha formación demandada polas empresas de cara ao posible incremento do seu plantel, axustando en certo modo os contidos ao perfil que demandan as compañías, tal e como explicou a edil de Formación. Outra das modalidades ofertadas, de Hixiene alimentaria para manipuladores de alimentos, dividirase en formación común e específica para os distintos sectores (alimentación, industria, hostalería). Así mesmo, o de Primeiros auxilios dará a coñecer sa técnicas básicas sobre a materia e a acción formativa de Operador carretilleiro/a operador de Plataforma Elevadora Móbil de Persoal (PEMP) con certificación UNE ensinará ao alumnado a manexar carretillas de manutención Tipo I e II según a normativa UNE 58451 e o de plataformas elevadoras de tixeira e de brazo articulado coa UNE 58923.
A concelleira de Formación, Natalia Hermida, subliñou que «máis dun centenar de veciños e veciñas de Narón desempregados terán unha nova oportunidade con estas accións formativas«. A edil destacou que «desde o goberno local continuaremos incidindo na importancia da formación de cara a axudar na medida das posibilidades da administración local a aquelas persoas da localidade que non teñen un traballo, para que poidan ampliar a súa formación sen ter que afrontar gastos relativos á mesma e incrementando as súas posibilidades de cara a poder acceder ao mercado laboral».
As persoas interesadas en acudir poderán anotarse no Rexistro municipal ata o venres 30 de setembro, en horario de 8:30 a 13 horas, debendo cumplimentar unhas instancias que poderán solicitar no propio Rexistro, descargar da páxina web: www.naron.es ou chamando ao número de teléfono 981 337 700 (extensións: 2602; 1120;1107 e 1123). As prazas, un total de 139 para o conxunto das modalidades, cubriranse por rigorosa orde de inscrición. As clases terán lugar no Centro Municipal de Formación Irmás Froilaz, na Gándara.
Son los cursos de siempre con los que nunca nadie encontramos trabajo…..