O concelleiro de Deportes de Narón, Román Romero, presentou esta mañá a II Carreira Solidaria de Asotrame acompañado pola presidenta da Asociación Galega de Transplantados de Médula Ósea, Cristina Piñeiro, e de David Vivar, voluntario da entidade que coorganiza o evento xunto coa Federación Galega de Atletismo. Algo máis de trescentas cincuenta persoas estaban xa esta mañá inscritas na convocatoria, que se desenvolverá este domingo 25 e que conta coa colaboración do Padroado de Deportes de Narón. As persoas interesadas en participar na carreira ou na andaina convocadas poden anotarse ata o xoves día 22, ás 23:59 horas, na páxina web: www.carreirasgalegas.com.
A saída da carreira na categoría de adultos será ás 11 horas do pavillón polideportivo da Gándara e a andaina partirá cinco minutos máis tarde na mesma ubicación, que tamén será o lugar no que se instalará a meta. Os participantes adultos percorrerán un tramo duns cinco quilómetros na carreira, por distintas zonas do municipio naronés e o da andaina será de tres quilómetros. A partir das 12 sairán as categorías de escolares e pitufos. O prezo é de oito euros para a carreira e catro para a andaina de adultos, se ben os nenos e nenas pagarán un euro por calquera das opcións elixidas.
A retirada dos dorsais, tal e como indicaron desde a organización, terá lugar no Centro Comercial Odeón o día 24 de 10 a 13 e desde as 17 ata as 21 horas, podendo tamén collelos o día 25 ata unha hora antes do inicio da carreira nas inmediacións do punto de saída. Os participantes recibirán unha camiseta e aquelas persoas que non poidan acudir a esta convocatoria deportiva e desexen colaborar con Asotrame poden facelo cun Dorsal 0, a través da web: www.carreirasgalegas.com.
A Asociación Galega de Transplantados de Médula Ósea conta con preto dun centenar de asociados de Narón e comarca. A entidade dispón dun local na parcela W32 da rúa Vidrieiros, no polígono industrial de Río do Pozo. A presidenta, Cristina Piñeiro, agradeceu a colaboración do Consistorio naronés e de todas aquelas persoas, entidades e empresas que se implican nas actividades impulsadas desde Asotrame. Así mesmo, recordou que os interesados en asociarse ou colaborar coa asociación poden facelo a través da web asotrame.com ou chamando ao número de teléfono 686 876 865.