O Concello de Narón aportará este ano unha partida de 30.000 euros para o programa de Educación para a Saúde-Nutrición Escolar. A concelleira de Ensino, Mercedes Taibo, destacou o feito de que «se trata dunha iniciativa que se desenvolve desde hai varios anos no municipio co fin de colaborar económicamente coas Anpas dos centros interesados para que as familias poidan conciliar a súa vida familiar e laboral. Trátase dunha serie de actividades socio educativas e nutricionais, cos almorzos escolares, que teñen lugar todos os días lectivos do curso», apuntou a edil. «Este ano beneficiaranse deste programa de Educación para a Saúde-Nutrición escolar uns douscentos rapaces e rapazas de cinco centros de ensino do noso municipio», asegurou.
As anpas do CPI Virxe do Mar, CEIP da Gándara, CEIP da Solaina; CPI do Feal e, este curso 2016-2017 tamén se incorpora a do CEIP Ponte de Xuvia, son as responsables deste programa. «O orzamento destinado polo Concello repártese entre os diferentes centros en función do número de alumnos e alumnas que se acollen ao mesmo», explicou Taibo. Á aportación realizada pola administración local súmanse as achegas que fan os pais e nais dos menores, e son as propias Anpas as que contratan o servizo, que se oferta desde os seus propios comedores –no caso dos centros no que estean habilitados- ou con cátering.
«A maiores da conciliación da vida familiar e laboral, a iniciativa aposta por promover hábitos de hixiene alumentaria e proporcionarlles aos nenos e nenas unha dieta equilibrada», recordou Mercedes Taibo.