O alcalde de Valdoviño, Alberto González, informou esta mañá de que por quinto ano consecutivo o paseo da Lagoa da Frouxeira será escenario da Milla Urbana Concello de Valdoviño. Organizada pola Concellería de Deportes, está incluída no Circuito de Carreiras Populares da Deputación provincial da Coruña. Terá lugar o 18 de setembro pola mañá, baixo o control técnico da Federación Galega de Atletismo e o prazo de inscrición está xa aberto na web www.carreirasgalegas.com. Remata o 15 de setembro, ás 23:59 e o concelleiro Sergio Saavedra aclarou que «non se poderán tramitar inscricións o mesmo día da carreira, polo que anima ós interesados a anotarse xa. É gratuíta».
O percorrido discurrirá ó longo do paseo da Lagoa da Frouxeira, nun circuito de ida e volta de iguais dimensións sobre o que se irán cubrindo as distancias de cada unha das categorías (dende os 100 metros previstos para os biberóns ata os 1609 de cadete en adiante). A saída estará sinalizada na caseta de socorrismo do areal e tamén será escalonada. Ás 11:10 horas inaugurará a proba a categoría Benxamín feminina; ás 11:20 h, a Benxamín masculina; ás 11:30 Alevíns (feminina e masculina); ás 11:40 h, Infantís (feminina e masculina); ás 11:50, Cadetes e Xuvenís en categoría feminina e masculina; ás 12 horas, Junior, Promesas, Senior e Veteráns 1 (masc. e fem.); ás 12:10, Veteráns 2, 3 e 4 (fem. e masc.) e, ás 12:30, saen por último os biberóns.
Estes últimos recibirán unha medalla conmemorativa, así como os tres primeiros clasificados dende benxamíns ata veteráns 4. Por último, o gañador e a gañadora absolutos, así como o atleta máis veterán e o máis novo, alzaranse cun trofeo.