BNG de Narón propón que se estude a construción dun paso peonil na contorna de Vilacornelle

pablo villamar-28-1O portavoz do grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego de Narón, Pablo Villamar, solicitará a realización dun estudo de viabilidade para a construción dun paso peonil na zona de Vilacornelle que mellore a seguridade viaria nesa contorna.

Villamar lembrou que a Xunta de Galiza, a través da Axencia Galega de Infraestruturas, ten até o vindeiro 5 de setembro a exposición pública o proxecto de construción dunha senda ciclista e peonil na estrada AC-116 (Catabois-Valdoviño) na marxe dereita en dirección Valdoviño, é dicir, no carril contrario ao espazo no que se concentra un bo número de equipamentos: centro de saúde, escola, centro de maiores, cooperativa do Val, polideportivo e centro da Nosa Señora de Chamorro, entre outros. «Cremos que sería importante- manifestou Villamar- que se habilite un paso de peóns nesa zona que absorbe non só moito tráfico rodado, senón tamén un elevado tránsito de persoas que fan uso desas instalacións».

naron-vilacornelleVillamar asegurou tamén que a intervención na estrada de Valdoviño «nos parece unha obra interesante precisamente porque vai contribuír a mellorar a seguridade viaria en todo o seu percorrido» e insistiu en que a construción dun paso de peóns redundaría no beneficio de toda a veciñanza. «Este paso, loxicamente, ten que estar adaptado ás características dunha estrada interurbana coma esta, con todas as medidas de seguridade necesarias para que cumpra o seu cometido», engadiu.

Destacou, asimesmo, que a senda ciclista e peonil é unha obra de interese xeral e que o grupo de goberno ten feito as xestións oportunas para que, aproveitando esta actuación, se faga unha preinstalación das redes de saneamento e abastecemento naqueles puntos da estrada que non contan con estes servizos.

Nesa mesma liña, o BNG instou á Xunta a que amañe a estrada de Baltar para a súa posterior cesión ao Concello, acordo sobre o que, lembrou, existe un compromiso verbal por parte dos responsábeis do departamento autonómico. Ademais, subliñou, en consonancia con esta actuación o Concello vai habilitar outra senda peonil que conecte a estrada xeral coas instalacións deportivas de Sinde.

Por outra parte, o portavoz do BNG de Narón sinalou que a obra que vai executar a Xunta trae aparelladas unha serie de afectacións en propiedades particulares que, dixo, «agardamos que se teñan en conta á hora de fixar as compensacións» e que as persoas que teñen alí propiedades sexan «afectadas e non prexudicadas».

Lea también

Axenda en Narón do 22 ao 23 de novembro

Venres 22 de novembro de 2024 Actividade: Obradoiro de defensa persoal para as mulleres Hora: …