A corporación local de Narón asistiu ás 10.00 da mañá deste luns a un pleno extraordinario convocado cun único punto na orde do día, nomear aos integrantes das mesas electorais de cara ás eleccións autonómicas que se celebrarán o vindeiro 25 de setembro.
No municipio instalaranse un total de 47 mesas para un censo de 32.106 votantes. A través do procedemento habitual, mediante un sorteo informático, designanse os presidentes, vocais e dous suplentes para cada unha das mesas.
As persoas seleccionadas no proceso recibirán nos vindeiros días unha notificación procedente do Concello na súa vivenda habitual. Na misiva indicaráselles o procedemento a seguir no caso de que consideren oportuno presentar reclamacións ante a Xunta Electoral de Zona –no xulgado de Ferrol-, así como dos prazos estipulados para tal fin.