As catro nenas e os dous nenos saharauis que participan no programa «Vacaciones en Paz», impulsado desde a Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharaui, asistiron este mércores xunto coas súas familias de acollida a unha recepción institucional no Concello de Narón.
A alcaldesa accidental, Marián Ferreiro , presidiu o acto, no que tamén participaron a concelleira de Acción Social, Catalina García , e os edís Teresa Sabio , André Abeledo e Alfonso Casal.
Ferreiro saudou aos nenos e nenas, aos que desexou unha boa estancia na localidade, e tivo tamén palabras de agradecemento para as familias que colaboran con este programa e tamén para a Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharaui. Na mesma liña se pronunciou a edil Catalina García, que valorou a importancia de manter o programa debido á situación na que desde hai anos se atopan os residentes dos campamentos saharauis.
Os nenos e nenas recibiron como agasallo unha mochila, un vale por importe de 60 euros canxeable por material na Librería Galicia de Narón e tamén o libro «Os bolechas visitan Narón», que lles entregaron os representantes da corporación local. Así mesmo, nos vindeiros días procederán a realizar as pertinentes revisións médicas incluídas no programa e gozarán da súa estancia na localidade.
O regreso aos campamentos de refuxiados saharauis de Tinduf, en Arxelia, coas súas respectivas familias, está previsto para comezos do vindeiro mes de setembro, unha época na que descenden considerablemente as elevadas temperaturas que se rexistran no verán no deserto arxelino, podendo alcanzar os 50 grados.
En representación da Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharaui, Maite Martínez agradeceu a colaboración prestada un ano máis polo Concello de Narón para que os nenos e nenas poidan viaxar desde os campamentos de refuxiados de Tinduf.