Comenzan a chegar os nenos saharauis do programa «Vacaciones en Paz»

naron-niños saharauis-16Un total de vinte e tres nenos e nenas procedentes dos campamentos de refuxiados saharauis de Tinduf (Arxelia) pasarán este verán con dezaséis familias de acollida de sete concellos da comarca, entre eles o de Narón. Na mañá deste sábado chegaban ao Consistorio naronés seis dos trece menores da primeira quenda do programa «Vacaciones en Paz», aos que recibiron as súas respectivas familias de acollida de Narón, As Pontes e San Sadurniño, nesta ocasión, e a concelleira de Acción Social de Narón, Catalina García. A iniciativa parte da Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharaui, e conta coa colaboración de varios concellos da zona, entre eles o de Narón, donde quedarán este verán un total de seis menores que participan no programa.

Dos trece nenos e nenas que chegaron este sábado á comarca, tres quedaron en Narón; cinco foron para Ferrol; dous para As Pontes e para San Sadurniño, Fene e Mugardos foron os outros tres. A representante en Ferrolterra da Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharaui, Maite Martínez, estivo tamén en Narón cos participantes no programa e as familias de acollida. A chegada á localidade tivo lugar sobre as 9.30 horas, nun bus que partiu do aeroporto de Santiago de Compostela.

Na xornada deste domingo a primeira hora está previsto que cheguen tamén a Narón algúns dos dez nenos e nenas da segunda quenda que pasarán tamén o verán con familias de acollida da comarca. Dos dez, tres quedarán en Narón; dous irán para Ferrol e outros tantos para Fene e Mugardos e un para Cariño, tal e como explicou a edil de Acción Social, Catalina García.

A concelleira naronesa valorou o feito de que «grazas á asociación e a todas estas familias de Narón e doutros concellos da comarca, un ano máis, a pesares das non poucas dificultades que houbo que solventar nesta ocasión, vinte e tres nenos e nenas poderán pasar o verán alonxados das elevadas temperaturas que se rexistran nos campamentos de refuxiados saharauis durante estes meses e realizar as oportunas revisións médicas»

. A edil de Acción Social deu a benvida aos nenos e nenas e avanzoulles que nos próximos días se convocará no Concello naronés unha recepción oficial aos seis nenos e nenas que pasarán o verán nesta localidade, de donde partirán de novo cara aos campamentos arxelinos o vindeiro mes de setembro.

Lea también

O Pazo da Cultura acolle a “XXXV Gala do Deporte de Narón”

O Pazo da Cultura de Narón acolle este venres 22 unha nova edición, a trixésimo …