Fundación Terra de Trasancos acollerá este martes a celebración das «Gastroexperiencias»

pimiento do coutoO propietario da Finca Los Cuervos (Teo, A Coruña), Santiago Pérez, e o cociñeiro Iván Domínguez, director gastronómico do Restaurante Alborada (A Coruña), cunha Estrela Michelin, participarán este martes, día 12, nas «Gastroexperiencias» convocadas a través do programa «Horta de Narón», impulsado desde a Concellería de Promoción Económica.

O edil da área, Pablo Villamar, recordou que esta proposta, que constará dun relatorio e dunha parte práctica, se dirixe tanto a empresarios do sector hostaleiro como a produtores e comercializadores de produtos da horta. A cita será a partir das 17.30 horas nas instalacións da Fundación Terra de Trasancos, na parroquia do Val, e será de balde e aberta á participación do público en xeral, ata completar o aforo da sala na que se desenvolverá.

Os asistentes terán a oportunidade de presenciar o relatorio que impartirá Santiago Pérez, co fin de explicar a súa propia experiencia e tamén analizarán a importancia que ten a colaboración entre o sector hostaleiro e os pequenos produtores. A continuación dará comezo unha sesión de «showcooking», a cargo de Iván Domínguez, que explicará aos participantes cómo facer varias tapas utilizando entre os ingredientes o Pemento do Couto e o Tomate Negro de Santiago, cultivados na localidade e comercializados a través da Cooperativa do Val.

A convocatoria enmárcase no programa «Horta de Narón», xunto con iniciativas como a «Ruta Gastronómica» que continuará desenvolvéndose esta semana, do 14 ao 17, e na que dezanove establecementos de hostalería da localidade ofrecen coas consumicións tapas de balde elaboradas con ingredientes entre os que están o Pemento do Couto e o Tomate Negro de Santiago.
A través da web: clubnarongastronomico.naron.gal ofrécese máis información sobre esta e outras propostas dirixidas ao sector e impulsadas desde o Concello de Narón.

Lea también

Narón abre inscrición nunha andaina con motivo da Romaría da Virxe da “O”

O Concello de Narón organiza a través do Padroado de Deportes e da Concellería de …