Presentada a festa gastronómica do pimento do Couto (16 e 17 de xullo)

naron-festa pimento-5-7A parroquia naronesa do Couto acollerá a vindeira fin de semana, os días 16 e 17 de xullo, os actos do programa da décimo oitava edición da «Festa gastronómica do Pemento do Couto» enmarcados  nas «Noites no mosteiro» e na «Festa gastronómica», nas respectivas xornadas do sábado e o domingo. As concelleiras de Festas e Turismo, Mar Gómez e Natalia Hermida, respectivamente, presentaron o evento na mañá deste martes acompañadas polo xerente da Cooperativa do Val, José Castro Leira; o presidente da Orde de Damas e Cabaleiros do Pemento do Couto, Tomás Casal, e o novo presidente da AVV do Couto, Ramón Francisco Couto. As concellerías de Festas e Mercados, Turismo e Protección Civil de Narón colaboran coa cooperativa do Campo do Val, a entidade veciñal do Couto e a Orde de Damas e Cabaleiros do Pemento do Couto na organización deste evento.

A cita festiva dará comezo o 16 de xullo coas «Noites no mosteiro», con concertos de música de Cámara a cargo do grupo Musgalia entre as 22.30 e as 01.30 horas na capela do cenobio do Couto, con aforo limitado debido á súa capacidade. Ás 23.00 horas procederase a iluminar o exterior do citado mosteiro, tal e como explicou a edil de Turismo, Natalia Hermida. A concelleira destacou o esforzo realizado este ano desde o Concello por publicitar este evento non só a nivel local e comarcal, senón tamén autonómico, co fin de impulsar esta convocatoria.

naron-festa pimento-cartelO programa continuará o domingo 17 de xullo coa apertura de postos do Mercadiño de produtos ecolóxicos a partir das 10.00 horas, e ata as 18.00, na zona do aparcamento próximo ao mosteiro. As persoas que desexen acudir cos seus postos deben inscribirse (de balde) no Rexistro do Concello –cubrindo unha instancia que se pode recoller no Consistorio ou descargar na páxina web: www.naron.es, en horario de 08.30 a 13.00. Así o indicou a edil de Festas, que incidiu en que non se admitirá a exposición ou venta de ningunha clase de pementos. Entre as 11.00 e as 13.00 e de 17.00 a 19.00 sucederanse varias visitas guiadas ao interior do cenobio, dunha duración duns corenta e cinco minutos cada unha e para grupos reducidos. A continuación, ás 13.00 horas, dará comezo a lectura do pregón, a cargo da santiaguesa Raquel Fernández Montero, xornalista na TVG –actualmente no programa «Aquí Galicia»-, que realizou varias reportaxes sobre o pemento do Couto. A pregoeira conta cunha dilatada experiencia profesional como colaboradora, redactora, copresentadora e directora de varios programas da TVG na súa ampla traxectoria xornalística.

Trala súa intervención, sobre as 13.30 horas, procederase ao xuramento das Novas Damas e Cabaleiros da Orde do Pemento do Couto. O representante da entidade, Tomás Casal, anunciou que este ano obterá o «Pemento de Honra» Anselmo Beceiro, veciño da parroquia e expresidente da AVV do Couto. «Depois de catorce anos á fronte da asociación e de moito traballo a prol desta festa e doutros eventos feitos sobre o pemento do Couto, consideramos que non podemos prescindir da súa experiencia e queremos integralo na Orde do Pemento do Couto» subliñou Casal Pita.

O tradicional xantar a base de churrasco con pementos do Couto e cachelos, pan, auga ou viño e café ao tizón comezará ás 14.00 horas. As persoas interesadas en comer baixo a carpa que se localizará nas inmediacións do local social da parroquia deben adquirir os tickets, a un prezo de 12 euros por persoa, no Concello –terceiro andar-, na Asociación de Veciños do Couto ou na Cooperativa do Val. O xerente da Cooperativa do Val asegurou que os primeiros pementos do Couto «acaban de saír, debido a que o mal tempo retrasou as colleitas deste ano», e exaltou as cualidades deste produto da horta cultivado e comercializado desde Narón e con Indicación Xeográfica Protexida, o que constata a súa excelente calidade.

Un grupo musical encargarase de amenizar a convocatoria a partir das 18.00 horas, tal e como apuntaron desde a organización.

O presidente da AVV do Couto destacou a beleza do entorno no que se desenvolve cada ano esta festividade e agradeceu a colaboración do Concello, ao igual que fixeron os representantes da Cooperativa do Val e da Orde de Damas e Cabaleiros do Pemento do Couto.

Por último, a edil de Festas asegurou que este ano se celebra este evento durante dous días «para darlle máis vida e contido e para que continúe sendo un reclamo na nosa localidade e, ao tempo, impulsar a promoción do pemento do Couto dentro e fóra do noso concello».

Lea también

109 participantes acuden ó XIX Torneo Cidade de Narón de Tiro con Arco

O pavillón polideportivo municipal da Gándara acolle este sábado 23, a décimo novena edición do …