Narón acolle a segunda edición do Festival Odeón Bulevar

Un total de nove empresarios de hostalería con locais na rúa Cataluña, na Gándara, coorganizan co Concello a segunda edición do Festival Odeón Bulevar. A cita terá lugar o vindeiro xoves, 7 de xullo, na rúa Cataluña a partir das 20 horas.

A edil de Festas, Mar Gómez, presentou esta mañá o evento acompañada por Francisco Paz e Julio Campoy, responsables dos establecementos Cervexería Nueva Orleáns e La Suite, respectivamente. Así mesmo, participan na convocatoria os empresarios dos locais: Caffe Latte, Australian, Momo, El Colonial, Cafetería Eder, Restaurante Cambalache e Cervexería La Quinta.

O festival, aberto ao público en xeral e ao aire libre, comezará co DJ Marcos Magán e continuará coas actuacións do grupo La Ricura e da orquestra El Combo Dominicano. Os espectáculos musicais sucederanse nos dous escenarios que se habilitarán na zona e terán lugar de xeito ininterrompido, rematando de madrugada. «É unha programación pensada para un público de menor idade que o pasado ano, cando organizamos un concerto con música da década dos 80, aínda que consideramos que será unha magnífica oportunidade para que a xente de diferentes idades goce ao ritmo da música deste festival», sinalou Gómez.

Os hostaleiros que organizan o evento instalarán unhas barras nas que se servirán bebidas a prezos populares, tal e como avanzaron. Así mesmo, recordaron que os asistentes poderán utilizar os baños e os parkings en superficie e subterráneo do Centro Comercial Dolce Vita Odeón, que permanecerán abertos mentres se desenvolva o festival.

As persoas interesadas en recibir máis información sobre o esta convocatoria poden consultar a páxina de Facebook: ODEON Bulevar, creada para publicitar este evento entre a cidadanía e que xa acumula milleiros de visitas.

Os hostaleiros agradeceron a colaboración do Concello por segundo ano consecutivo para poder organizar este festival e avanzaron que de cara ao vindeiro ano se analizará a viabilidade de que colabore unha emisora de radio nacional. Pola súa parte, a concelleira de Festas destacou a labor dos organizadores e animou aos veciños e veciñas de Narón e comarca a acudir a esta cita festiva «na que sucederán tres espectáculos musicais de gran calidade e de balde», apuntou a edil de Festas.

Lea también

Axenda en Narón o 27 e o 28 de abril

Sábado 27 de abril de 2024 Actividade: Danza tradicional “Ceibe” Hora: 20:00 Lugar: Pazo da …