Última andaina da tempada do programa «Ponte en ruta con nós», en Narón

naron-andainaA área recreativa de Pedroso foi o lugar elixido para poñer este domingo o broche de ouro ao programa «Ponte en ruta con nós», coorganizado pola Concellería de Deportes de Narón e a empresa Arasti Barca.

A última das andainas desta tempada partiu ás 11.30 horas das inmediacións do antigo Concello de Xuvia e á mesma acudiron 85 persoas, que se dirixiron desde alí ata Pedroso onde, a partir das 14.00 horas, tivo lugar unha comida de confraternidade.

Desde o pasado mes de novembro, cando se iniciou o programa, un total de 1.115 persoas participaron nas oito camiñatas convocadas a través desta iniciativa. O edil de Deportes, Román Romero, agradeceu á veciñanza a súa implicación neste programa, entre cuxos obxectivos estivo, recordou, «fomentar a práctica de exercicio ao aire libre, hábitos de vida saudables e, ao tempo, dar a coñecer o patrimonio do noso concello e dalgunhas localidades limítrofes». O concelleiro naronés valorou tamén a colaboración prestada polos voluntarios de Protección Civil nas andainas que se desenvolveron desde o pasado mes de novembro.

Os camiñantes que acudiron á andaina deste domingo percorreron un tramo duns oito quilómetros, entre Xuvia e Pedroso. Tras unha parada para avituallamento no camiño, e unha vez na área recreativa, os participantes degustaron un menú a base de paella, churrasco, café, postre e bebida, a prezos populares. A música non faltou tampouco ao mediodía, cando un grupo de gaiteiros amenizou a xornada de descanso aos camiñantes, que pasaron parte da tarde na área recreativa de Pedroso.

Desde o pasado 22 de novembro, cando comezaron a desenvolverse as andainas do programa «Ponte en ruta con nós», os asistentes implicáronse en camiñatas de diferentes graos de dificultade e nas que se foi incrementando a distancia dos percorridos paulatinamente. Os camiños milenarios do Val, o camiño a San Andrés, a ribeira do río Xuvia, e a ruta da Costa Ártabra (entre Santa Comba, en Ferrol, e Campelo, en Valdoviño), estiveron entre os roteiros deseñados pola organización desta iniciativa.

O concelleiro de Deportes destacou o «gran éxito» desta convocatoria, debido, subliñou, «á gran implicación dos veciños e veciñas que cada mes participaron nestas andainas».

naron-andaina-comida

Lea también

A conferencia sobre saúde mental prevista para este sábado en Narón, adíase ó día 29

A conferencia da psicóloga Rita Touza, prevista inicialmente para este sábado 23, adíase ata o …