O concello de As Pontes acollerá o vindeiro sábado, 25 de xuño, a celebración da III edición do Northwest Triman, o único triatlón de distancia Ironman de cantos se celebran en Galicia.
A proba deportiva foi presentada na mañá deste luns na sede da Deputación da Coruña, que colabora na organización, durante unha rolda de prensa que contou coa asistencia da tenente de alcalde e o concelleiro de Deportes da localidade, Montserrat García Chavarría e Jesús Tembrás; Arturo Gómez, representante da Federación Galega de Triatlón e representantes das empresas patrocinadoras do evento (Gadis, Audi-Arrojo, Coca-Cola Iberian Partners e Abanca).
Montserrat García felicitou aos organizadores e destacou que o lago artificial máis grande de Europa supón «o escenario perfecto para este extraordinario evento deportivo, que repercute de xeito moi positivo na socioeconomía pontesa, dando repercusión a un espazo natural único polas súas características”.«En só dúas edicións, o Ironman tense convertido nunha cita ineludible para centos de deportistas e miles de visitantes, nunha proba de referencia en toda España», afirmou Montserrat García, que subliñou que xa hai 600 persoas inscritas para participar na proba e agradeceu a colaboración dos centos de voluntarios que dedican os seus esforzos para garantizar o éxito e a seguridade da proba.
Pola súa banda, o concelleiro pontés de Deportes, Jesús Tembrás, sinalou como principal novidade que a carreira percorrerá por primeira vez as rúas do centro de As Pontes e destacou a «complexa organización» dunha proba destas características.
O triatlón de longa distancia consistirá en nadar 3,8 quilómetros no lago artificial de As Pontes, circular 180 quilómetros en bicicleta e precorrer despois un maratón urbano de 42 quilómetros, que pasará polo centro da localidade.
Este ano inclúese ademáis un triatlón de media distancia (1,4 quilómetros a nado, 90 en bicicleta e 21,1 correndo) que será puntuable tamén para o circuito da Federación Galega de Triatlon.
Ambas as dúas probas comezarán a partir das 7.15 h. do sábado e desenvolveranse ata as 23.00 h., como hora límite.
A organización destacou a «gran acollida» da proba, xa que en pouco máis dun mes esgotáronse as inscricións. O Northwest Triman contará con 600 participantes, representando a preto de 100 clubes, entre os cales se atopan algúns dos mellores deportistas galegos desta modalidade deportiva, como Fernando Luiña, vixente campión galego de Longa Distancia ou Enrique Morán, recenté gañador do Aviaman.
Javier Delgado, gañador do Ocean Lava, ou Ricardo Abad, que o ano pasado bateu o record mundial de 100 Ironman nun ano, serán outros dos deportistas participantes na proba, xunto con máis de 40 triatletas de gran nivel chegados dende Portugal como Pedro Gomes ou Rafael Delaunay.
Como en edicións anteriores, a proba deportiva contará con actividades paralelas para todos os públicos, como piragüismo, tenis ou paseos en barco; ademáis de xogos infantís para os máis pequenos.