A Concellería de Promoción Económica de Narón, en colaboración coa Cooperativa do Val, vai desenvolver do 7 ao 10 e do 14 ao 17 de xullo a Ruta gastronómica Horta de Narón 2016, «esta vez a través do recentemente constituído Club Narón Gastronómico, que integra a todos os establecementos que colaboran nas accións promocionais do sector».
Así o anunciou o edil de Promoción Económica, Pablo Villamar, que destacou que o obxectivo desta convocatoria «é continuar promocionando o sector hostaleiro local e os produtos da horta e, máis concretamente a posta en valor de dous produtos gastronómicos locais, concretamente o pemento do Couto e o tomate Negro de Santiago». O edil naronés anunciou a apertura do prazo de inscrición nesta Ruta Gastronómica, debendo formalizarse a través do teléfono 607 802 232 ou dos correos electrónicos: promocioneconomica@naron.es ou narongastronomico@naron.es. Os hostaleiros que desexen participar teñen que anotarse antes do vindeiro luns, 27 de xuño.
O edil naronés anunciou que unha das actividades a desenvolver con cargo a esta iniciativa será a Ruta gastronómica Horta de Narón. A iniciativa consistirá nunhas xornadas de degustación de tapas de libre creación, que serán de balde e que terán entre os seus ingredientes o pemento do Couto ou o tomate negro de Santiago –ou ambos- e que se celebrarán nas datas sinaladas anteriormente nos establecementos de hostalería do concello de Narón que se adhiran voluntariamente á convocatoria. Os participantes terán a oportunidade de exaltar o sabor e as propiedades destes dous produtos.
As persoas que se acheguen aos establecementos inscritos nas xornadas poderán participar no sorteo de cestas con produtos da horta (haberá tantas como negocios participantes nas xornadas) se consumen a tapa típica da ruta e depositan o cupón cos seus datos na urna correspondente. Tamén se sortearán unha fin de semana enogastronómica no Ribeiro e catro vales de compra nos establecementos Mercaval, un por un importe de 200 euros e tres de 100 euros. Todos os hostaleiros que participen nas xornadas disporán dunha urna e tarxetas para que os seus clientes poidan participar nos sorteos.
A organización achegará aos establecementos participantes con suficiente antelación os carteis promocionais do concurso, os trípticos informativos, as urnas e os cupóns para colocar nos seus negocios á vista do público durante as datas da Ruta gastronómica Horta de Narón 2016.
O pemento do Couto e o tomate negro de Santiago son dous produtos locais de gran calidade que actualmente cultiva e comercializa a Cooperativa do Val, na súa aposta pola recuperación e posta en valor de variedades autóctonas. A cooperativa produce desde hai anos o pemento do Couto, unha hortaliza xa consolidada no mercado, que conta coa Indicación Xeográfica Protexida e que se caracteriza polo seu excelente sabor e propiedades, entre elas, a súa dozura e que non pica. Continuando polo camiño da recuperación e revalorización das hortalizas locais, do produto galego de calidade, dende hai uns anos a Cooperativa do Val produce o tomate negro de Santiago, un tomate cun alto grao de azucres e acidez e excelente sabor que se está introducindo pouco a pouco pero con moito éxito no mercado.
O concelleiro de Promoción Económica animou aos hostaleiros da localidade a participar nesta convocatoria, así como á veciñanza a degustar as saborosas tapas que, como en anteriores ocasións, se elaboraron no marco da iniciativa Horta de Narón.