A quinta edición do Encontro Interxeracional Municipal desenvólvese desde as 11.00 horas da mañá deste domingo na zona do paseo marítimo de Xuvia, en Narón.
Un milleiro de veciños e veciñas das diferentes parroquias e barrios de Narón secundaron esta tradicional cita, na que se programaron varias actividades festivas. O alcalde, José Manuel Blanco, e a edil de Promoción Social e Igualdade, Teresa Sabio, acudiron á convocatoria xunto con representantes dos grupos da corporación local e agradeceron a participación dos diferentes colectivos e dos particulares.
Os asistentes gozaron do variado programa deseñado para a ocasión conxuntamente polo Concello e diversas entidades da localidade e da comarca. Con esta cita rematan oficialmente as actividades do programa de Envellecemento Activo convocadas desde o Consistorio en diferentes espazos do municipio, cuxo alumnado é cada ano o protagonista deste evento.
Cancións de animación e sesións de musicoterapia a cargo de persoal do Centro Comunitario Manuela Pérez Sequeiros; a actuación das Cantareiras do Val; do grupo de acordeón do Padroado e do de Cantores da Asociación Cultural ASCM, xunto cunha actuación de danza oriental e outra da Coral Municipal, centraron a actividade matinal baixo unha das carpas instaladas no paseo de Xuvia.
A continuación a edil de Promoción Social e o rexedor local agradeceron o traballo altruísta de todas cantas persoas participaron activamente na organización desta convocatoria. «Desexo que pasemos un día agradable entre todos e todas”, asegurou Sabio, que xunto co rexedor local entregou uns agasallos aos representantes das entidades que colaboraron na organización.
Seguidamente os asistentes trasladáronse a outra carpa, situada a escasos metros, baixo a que houbo un xantar popular.
A programación da tarde retomouse ás 16.00 horas, cunha actuación musical a cargo do Dúo Suso. A partir das 17.30 horas comezou unha master class de zumba, cos grupos do Centro Comunitario Manuela Pérez Sequeiros e da AVV da Solaina e ás 18.00 houbo unha exhibición de terapia de intervención asistida e agility na que colaborará Aspanemi. Tamén ás 18.00 horas se retomou o apartado musical co Dúo Suso, ata a hora de saída dos autobuses para levar aos participantes de novo ás súas parroquias de orixe, a partir das 19.30 horas.
Durante toda a mañá e a tarde permaneceron instaladas baixo unhas pequenas carpas exposicións solidarias do traballo das entidades veciñais da Solaina; Ceibe, de San Xiao; Areosa, de Piñeiros; Virxe de Fátima, de Freixeiro; O Alto; Aspanaes; Cestería Acción Familiar (AFA); e Asociación de Torneiros de Madeira Virutas. Tamén houbo espazos reservados para a asociación Bbtta e da Asociación Cultural ASCM e a Asociación de Diabéticos