Aberto en Narón o prazo para apuntarse ao Encontro Interxeracional

O Concello de Narón mantén aberto ata o vindeiro 31 de maio o prazo para apuntarse ao Encontro Interxeracional promovido desde a concellería de Promoción Social, á fronte da que está a edil Teresa Sabio e no que colabora o movemento asociativo da localidade. A cita terá lugar o vindeiro 12 de xuño no paseo marítimo de Xuvia, ubicación na que durante a mañá e a tarde se desenvolverán varias actividades.

A chegada dos participantes está prevista para as 11 horas e ás 11:15 comezará unha demostración das actividades realizadas polo colectivo ao longo do último ano. A partir das 14 horas será o xantar, que se poderá levar desde a casa ou adquirir os tickets ao anotarse para o cátering contratado polas asociacións, que correrá a cargo do Mesón A Trasanquesa, onde tamén se venden. É preciso comunicar as persoas que comerán no recinto porque, independentemente de que leven a comida ou recurran ao servizo de cátering, asignaráselles mesa e cadeiras baixo a carpa, tal e como indicou a concelleira.

A actividade do programa retomarase ás 16 horas, con sesións de baile, para continuar ás 17:30 con novas demostracións de actividades e máis baile a partir das 18:30 ata a hora de regreso, sobre as 19:30 horas. Durante todo este tempo haberá tamén xogos inchables para os nenos, exposicións e demostracións en vivo de artesanía.

As persoas interesadas en anotarse deben facelo nas asociacións de veciños: Virxe de Fátima, de Freixeiro; Ceibe, de San Xiao; Alto do Castiñeiro; A Gándara; A Solaina; Chafarís, do Alto; A Naveira, de Doso; Os Irmandiños, do Val; Rosa dos Ventos, de Sedes; San Mateo; Castro e Virxe do Mar. Tamén poden facelo no Centro Comunitario Integrado Manuela Pérez Sequeiros, na Asociación Terceira Idade A Solaina; na Fundación Terra de Trasancos, do Val; en Aspanaes, BBTTA; na Asociación Sociocultural de Minusválidos de Narón, en Aspanemi; na Asociación de Mulleres Rurais de San Mateo e na Asociación da Terceira Idade de Pedroso.

Lea también

Narón súmase ao chamamento da Mancomunidade para un consumo responsable de auga

Os concellos da comarca manteñen dende xullo medidas de aforro, que continúan vixentes ante a …