A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, asinou este mércores a orde de aprobación definitiva do Plan xeral de ordenación municipal (PXOM) de Mañón, que ten entre os seus principais obxectivos impulsar o potencial turístico do concello e poñer as bases para fixar a poboación neste termo municipal.
Mato desprazouse este mércores a O Barqueiro localidade da comarca de Ortegal para asinar este documento e reunirse co alcalde, Alfonso Balseiro. Durante a súa intervención, destacou que este avance permitirá que o concello dispoña dun planeamento urbanístico «actualizado e de calidade» , que substituirá á anterior ordenación urbanística, «básica e con case catro décadas de antigüidade» .
O novo PXOM recolle tres núcleos urbanos (Barqueiro, Bares e Porto de Bares) e 104 núcleos rurais. Articúlase ao redor de tres eixos: manter o carácter e a estética de vila mariñeira, poñendo en valor os espazos naturais; fixar a poboación moza a través da dotación de novos servizos e de solo industrial; e mellorar a conexión e comunicacións do municipio.
Polo tanto, aclarou Mato, o novo PXOM ten en conta o «gran valor» ecolóxico e paisaxístico do concello, ademais de potenciar o seu carácter eminentemente rural. O obxectivo é «compaxinar residencia e desenvolvemento sostible» , protexendo as zonas máis valoradas. Así, o PXOM defende os valores naturais ao recoñecer: os espazos incluídos na Rede Natura identificados como LIC Estaca de Bares; a ampliación da Rede Natura do Río Sor e a A Faladoira; e o espazo natural denominado como Estuario do río Sor.
En canto á poboación, o novo planeamento dotará ao municipio de zonas que poidan absorber posibles crecementos «dentro dun marco ordenado» . Ademais, pensando na xente moza, recolle tamén a previsión de dotacións e equipamentos que faciliten unha residencia «acorde cos tempos actuais» .
O PXOM fai fincapé tamén no desenvolvemento industrial, para atraer poboación que actualmente se despraza a traballar noutras zonas. En concreto, establece a reserva de 121.697 metros cadrados de solo empresarial, o que dá resposta ás demandas de concellos e empresarios.
Por último, Mato destacou tamén que o planeamento porá en valor o sistema viario e as comunicacións de Mañón. Así, resérvase solo para a creación do tramo da Vía de alta capacidade Ferrol-Barreiros, que atravesa o municipio pola zona norte.
Aposta por unha ordenación de calidade
A conselleira resaltou a relevancia que supón a aprobación dun PXOM, que aporta seguridade xurídica e permite aos concellos dispoñer dunha ordenación da máxima calidade.
Por iso, o Goberno galego leva facendo unha importante aposta desde 2009 para impulsar estes instrumentos. En 2009 eran 33 os concellos cun PXOM actualizado, e agora xa son 87. Polo tanto, o de Mañón foi o planeamento número 54 aprobado pola actual Administración autonómica. Trátase, ademais, do terceiro plan actualizado dos catro concellos que compoñen a comarca de Ortegal.
Para conseguir estes resultados, a Xunta traballa «man a man» cos concellos. Así se ten feito en Mañón, ao que a Consellería destinou máis de 130.000 euros co fin de apoiar aos técnicos na redacción deste documento.
O compromiso, indicou Mato, é que «non haxa ningún concello sen un planeamento de calidade» . Precisamente, a nova Lei do solo dá resposta a este reto, aportando os instrumentos necesarios para axilizar a tramitación.
Ademais, a conselleira recordou que o seu departamento ten prevista este ano unha inversión de 31, millóns de euros en axudas para completar os planeamentos dos concellos.