Máis dun millar de personas participaron nas «Unidades didácticas dos Maios»

Algo máis dun milleiro de escolares de educación Infantil e de primeiro e segundo curso de Primaria de varios centros educativos e de diversas entidades de Narón participaron nos últimos días nas Unidades didácticas dos Maios. Trátase dunha iniciativa impulsada desde o Padroado da Cultura, cuxa vicepresidenta é a edil da área, Marián Ferreiro, que hoxe mesmo se desprazou ao colexio Ponte de Xuvia para presenciar a sesión na que participaron nenos e nenas de primeiro e segundo curso do citado centro.

En xornadas anteriores realizaron os seus Maios alumnos do CRA e dos centros Ayala, Santiago Apóstol, A Solaina, O Feal e Virxe do Mar. A edil de Cultura, Marián Ferreiro, agradeceu a resposta tanto dos centros escolares como dos representantes das diversas entidades do municipio «á hora de implicarse nestas unidades didácticas coas que apostamos por dar a coñecer a historia dos Maios desde a nosa localidade».

A veciñanza e os menores que participan nesta proposta elaboran o seu propio Maio, coa axuda de persoal do Padroado da Cultura que se despraza aos centros e locais dos diferentes colectivos, empregando material moi colorido para exaltar esta celebración, característica da época primaveral en Galicia. Os traballos realizados exporanse no pavillón polideportivo de Piñeiros, onde poderán verse o sábado 14, pola tarde, e tamén o domingo día 15, entre as 11 e as 20 horas. Deste xeito, os citados traballos inclúense no programa para celebrar os Maios organizado polo Concello de Narón e a Sociedade Cultural Areosa, de Piñeiros o vindeiro sábado.

No programa das Unidades didácticas dos Maios implicáronse a AVV Virxe de Fátima, de Freixeiro; a asociación Semente de Trasancos, de San Mateo; a Sociedade Cultural Areosa, de Piñeiros, e a Fundación Terra de Trasancos, do Val.

As primeiras convocatorias destas Unidades didácticas dos Maios desenvolvéronse o pasado 2 de maio no CPR Ayala, con alumnos de terceiro, cuarto e quinto curso e remataron hoxe no colexio Ponte de Xuvia.

Lea también

O Pazo da Cultura acolle a “XXXV Gala do Deporte de Narón”

O Pazo da Cultura de Narón acolle este venres 22 unha nova edición, a trixésimo …