O Padroado da Cultura e a Sociedade Cultural Areosa celebrarán os Maios en Piñeiros

O Concello de Narón e a Sociedade Cultural Areosa, de Piñeiros, organizaron un ano máis un completo programa de actos para celebrar a festividade dos Maios na localidade, que este ano chega á súa décimo novena edición. A vicepresidenta do Padroado da Cultura e edil da área, Marián Ferreiro, e o presidente de Areosa, Bruno Díaz, presentaron esta mañá a convocatoria, que inclúe diferentes actividades, algunhas delas iniciadas a principios deste mes en centros escolares e asociacións da localidade, que culminarán esta fin de semana no Centro Cívico Social de Piñeiros.

O sábado día 14, ás 17 horas, concentraranse no adro da igrexa de Piñeiros os Maios que participarán neste evento, entre eles os da entidade veciñal Virxe de Fátima, de Freixeiro; de Areosa; da Asociación Semente de Trasancos; do Obradoiro de Construción de Instrumentos do Padroado da Cultura e da Fundación Terra de Trasancos. A comitiva sairá desde a igrexa ata o Centro Cívico de Piñeiros ás 17:30 horas para dar comezo a recepción dos Maios no pavillón de Piñeiros ás 17:40 horas. A partir das 18 horas, actuarán os grupos do Padroado da Cultura de Narón no exterior do polideportivo; elaborarase no interior das citadas instalacións un mosaico floral no que tradicionalmente participan nenos e nenas da localidade, e tamén terá lugar a Mostra dos Maios elaborados nos últimos días en centros escolares da localidade (que poderá visitarse tamén o domingo día 15, de 11 a 20 horas no polideportivo de Piñeiros).

A edil de Cultura recordou ademais que este venres, día 13, rematará o taller de arte floral iniciado a mediados do pasado mes de abril a instancias do Padroado da Cultura e a asociación Areosa no local social de Piñeiros. Nestas convocatorias, de dúas horas de duración cada sesión, ensinouse aos asistentes a elaborar diferentes tipos de ornamentación empregando varias especies florais.

A programación do Concello con motivo da celebración dos Maios incluíu tamén como en anos anteriores a Unidade Didáctica dos Maios, na que participan un milleiro de alumnos e alumnas de educación Infantil e Primaria de colexios de Narón. Escolares do CPR Ayala, do CRA de Narón, dos CEIP Virxe do Mar, Ponte de Xuvia e A Solaina e do CPI do Feal e o CPR Santiago Apóstol participaron nesta actividade durante as horas lectivas. Os nenos e nenas aprenderon a elaborar Maios, traballos que permanecerán expostos esta fin de semana en Piñeiros. «Trátase dunha actividade didáctica pensada para os escolares do municipio, co obxectivo de que coñezan o que é un Maio e tamén a tradición que teñen este tipo de ornamentacións florais na nosa comunidade», explicou Marián Ferreiro.

A concelleira de Cultura e o presidente de Areosa animaron á veciñanza a acudir esta fin de semana á celebración dos Maios. Ferreiro agradeceu a colaboración dos centros de ensino, asociacións veciñais e particulares que se implican nesta convocatoria, valorando particularmente o traballo de Areosa.

«Este ano a celebración dos Maios alcanza a súa décimo novena edición na localidade, unha data que conmemoraremos un ano máis contando coa implicación da veciñanza de Narón, que contribúe a manter máis viva que nunca esta tradición pensada para exaltar a natureza e coa súa orixe nunha festa característica da época primaveral en Galicia», explicou a edil de Cultura.

Lea también

Narón acoge en el CC Odeón la exposición de Roberto Marín, ‘Una mirada cofrade’

La plaza de Eventos del Centro Comercial Odeón ha inaugurado este viernes 11 la exposición …

Un comentario

  1. Qué casualidad que el presidente de Areosa sea un destacado militante de Terra Galega, integrante de sus listas en las pasadas Municipales. Pura casualidad.