Aberto o prazo de inscrición para a actividade «Poemas e contos con Manuel María»

O prazo de inscrición para anotarse na actividade Poemas e contos con Manuel María, que se desenvolverá o vindeiro sábado 14, na Biblioteca municipal a partir das 11 horas, abrirase mañá martes.

A convocatoria, incluída no programa deseñado polo Concello de Narón para conmemorar o Día das Letras Galegas, diríxese a nenos a partir de catro anos. A contadora e ilustradora de contos Marisa Irimia será a encargada de amenizar a xornada aos menores, cun espectáculo centrado nos poemas de Manuel María, autor ao que se dedica este ano o Día das Letras Galegas, e un repertorio con música de violín.

As persoas interesadas en asistir deben anotarse na Biblioteca municipal, presencialmente ou chamando ao número de teléfono 981 382 173, sendo obligatorio para poder participar ter o carné de socio da Biblioteca municipal. A actividade é de balde e o aforo é limitado.

A programación deseñada polo Concello con motivo do Día das Letras Galegas continuará o propio 17 de maio. Ás 10 horas sairá da Praza da Gándara a 1ª Andaina polas Letras, para a que tamén é necesaria inscrición previa (ata o 13 de maio) no Servizo de Normalización Lingüística do Concello ou no Padroado de Deportes –pavillón polideportivo da Gándara-.

A actividade consiste nun percorrido desde a citada praza ata o mosteiro do Couto. Ao remate da mesma, sobre as 12:30 horas, actuará na Praza da Gándara un Grupo de música tradicional galega do Padroado da Cultura. Pola tarde, entre as 17 e as 19:30 horas, nesa última ubicación, haberá unha Biblioteca na rúa, enredos e xogos populares, un photocall de Manuel María, e actuarán os integrantes do Coro Solidario do IES Terra de Trasancos. En caso de mal tempo estas actividades do día 17 pola tarde trasladaranse ao pavillón polideportivo de Piñeiros.

Finalmente, ás 19 horas comezará no Pazo da Cultura a actuación de Os Resentidos e a Lira de Ribadavia. As entradas para este concerto de música rock están xa á venta na taquilla do Pazo, a un prezo de 9,50 euros para o público en xeral e de 6,65 para os abonados.

Lea también

Piden 24 años de prisión por abuso y agresión sexual a la hija de su pareja, en Narón

La Fiscalía solicita penas que suman 24 años de prisión para un hombre acusado de …