Os alumnos de terceiro curso da Escola de Teatro de Narón subiranse ao escenario do Pazo da Cultura este xoves, día 5, para representar a obra O único que hai que facer é saltar sobre a lúa. A iniciativa enmárcase no programa de actuacións que realiza o alumnado das Escolas do Padroado da Cultura do curso 2015/2016. A representación deste xoves terá lugar no Pazo da Cultura a partir das 20:30 horas.
Esta obra musical está dirixida por Celia González, profesora da Escola de Formación de Actrices e Actores de Narón. Trátase dun traballo de investigación escolar no que os oito alumnos do último curso da Escola de Teatro cantarán e bailarán varios temas da historia do teatro musical.
Celia Gómez propuxo ao alumnado que elixise musicais para posteriormente iniciar unha tarefa de investigación sobre datos curiosos dos mesmos e, a partir de aí, a docente procedeu a montar os números de canto e baile. Jesucristo Superstar, Funny Girl e Los miserables foron algúns dos escollidos polos rapaces, que cantarán temas en versión orixinal ou galega, dependendo da peza. Sobre o escenario haberá tamén dous músicos para os temas dos espectáculos en directo: Francisco Couce, percusionista con caixón andaluz e pianista, e Xoán Padín, guitarrista. Os diferentes números iranse sucedendo a través dun nexo entre eles a través da aportación deses datos curiosos que buscaron os alumnos e alumnas sobre os diferentes musicais a interpretar nesta convocatoria.
A actividade ten unha duración total dunha hora e as persoas interesadas poderán xa recoller as entradas, de balde, na billeteira do Pazo da Cultura en horario de 10: 30 a 14 e de 18 a 20.,30 horas.
As oito persoas matriculadas no último curso da Escola de Formación de Actrices de Narón completarán co remate das clases deste ano o ciclo de 1.500 horas formativas, ás que hai que sumar as correspondentes ás actividades complementarias que se desenvolven durante o curso.