Un total de quince persoas participaron este mes no curso Habilidades para o traballo en equipo programado desde a Concellería de Participación Cidadá, á fronte da que está a edil Catalina García. Os pasados 19, 21 e 26 de abril os asistentes, particulares e representantes do movemento asociativo, acudiron ás clases desenvolvidas no Centro Cívico Social de San Mateo e nas que se abordaron diversas temáticas para fomentar o traballo en rede entre as entidades e onde se compartiron diversas experiencias en materia de Participación Cidadá.
«A promoción da participación cidadá entre as asociacións; as dinámicas en redes para persoas en risco de exclusión social e o traballo en rede para promocionar áreas como a económica ou o emprego formaron parte dos proxectos abordados nas sesións», explicou García, incidindo en que os asistentes destacaron a importancia destas xornadas e solicitaron a programación de novas sesións a través dasque poder recibir máis asesoramento técnico.
A maior parte do alumnado era de Narón, se ben acudiron persoas de Ferrol e Mugardos, materializando así as iniciativas impulsadas desde diferentes municipios da comarca, entre eles Narón, para colaborar nesta área. Catalina García subliñou «a importancia de continuar traballando nesta liña e agradeceu a participación no curso de tódolos asistentes. Quero animar tamén ao resto de entidades e veciños a participar en futuras accións formativas para continuar impulsando a Participación Cidadá no Concello de Narón», asegurou.
A concelleira avanzou ademais que o vindeiro mes de maio desde a área de Participación Cidadá convocaranse uns obradoiros sobre os orzamentos participativos, unha vez rematen os Consellos Territoriais desenvolvidos nas parroquias, tan só está pendente a día de hoxe de celebrar o de Doso.
Nas xuntanzas traballarase coas propostas recollidas meses Consellos e debatirase a necesidade e prioridade das mesmas, tal e como apuntou a edil.