Narón acolle o I Congreso Galego de Seguridade e Educación Vial

O alcalde de Narón, José Manuel Blanco, presentou esta mañá acompañado polo edil de Seguridade Cidadá, Guillermo Sánchez Fojo e do equipo de Educación Vial do Concello de Narón, formado polos policías locais Pedro Caneiro e Sonia López e por Simón Cabarcos, licenciado en INEF, o I Congreso Galego de Seguridade e Educación Vial Cidade de Narón.

A convocatoria desenvolverase os días 28 e 29 de maio no auditorio municipal e enmárcase dentro do programa de actos co que se conmemorará a Semana da Educación Vial e Mobilidade, do 23 ao 29 do vindeiro mes. A iniciativa conta co patrocinio da Deputación da Coruña e a Academia Galega de Seguridade Pública, entre outras entidades. As persoas interesadas en inscribirse no Congreso poden facelo a partir de hoxe, de balde, a través da páxina: www.congresoeducacionvial.es, ao estar limitado o aforo do auditorio.

O I Congreso Galego de Seguridade e Educación Vial Cidade de Narón comezará o día 28 de maio ás 10 horas, coa inauguración a cargo do rexedor local, José Manuel Blanco. O relatorio inaugural, a partir das 10:30 horas, correrá a cargo de Bartolomé Vargas, fiscal de Sala e Coordinador de Seguridade viaria da Fiscalía Xeral do Estado para, sobre as 11:10, iniciar outro con Francisco González Llanos, xefe do Servizo de neurociruxía do hospital Virgen de la Salud de Toledo e ás 16.00 un terceiro sobre Construción de cidades seguras a cargo do alcalde de Pontevedra, Miguel Ángel Fernández Lores. O programa do sábado inclúe tres mesas de traballo, ás 12:20; 17 e 19:30 horas, respectivamente, sobre Seguridade, tráfico e consecuencias; Proxectos e plans urbanos de seguridade viaria e  mobilidade, e Educación viaria e formación na etapa escolar.

O domingo abrirase o programa cun relatorio sobre Coordinación de programas de educación vial, con María Victoria Gómez, xefa provincial de Tráfico da Coruña. A mesa de traballo contemplada para a xornada final comezará ás 11:30 horas e abordará o tema das Estratexias para a coordinación de programas de educación viaria en Galicia. Na semana do 23 ao 29 de maio desenvolveranse diferentes actividades relacionadas coa seguridade vial e a mobilidade dirixidas a todos os públicos.

Así o indicou Sonia López, que subliñou que cada día se adicarán diferentes sesións a colectivos específicos: menores, embarazadas, maiores, etc. Entre as propostas están talleres teórico-prácticos, nos que tamén colaborarán o equipo de Emerxencias Narón e a Policía Local; presentación de curtos nos colexios; camiñatas; presentación dun libro sobre Educación Vial ou un taller para embarazadas na piscina municipal da Gándara. «A nosa idea e seguir educando en valores porque para nós a educación vial é prevención, subliñou Simón Cabarcos, que recordou que entre no marco das campañas a desenvolver na Semana da Educación Vial e Mobilidade «é trasladarase a Narón en colaboración coa Fundación Mapfre unha casa de evacuación, unha vivenda hinchable coa que se realizan simulacros de evacuación».

O edil de Seguridade Cidadá recordou que o Concello de Narón empezou a desenvolver diferentes traballos relacionados coa Seguridade Vial hai xa dez anos no colexio da Solaina, agradecendo a colaboración de todas as comunidades educativas, asociacións e entidades pola súa implicación. «Este congreso está máis ben dirixido a técnicos e persoas que traballan con este tema nos concellos, que nos dará experiencia, nos permitirá mellorar servizos e tamén seguir colaborando con outros municipios», apuntou Sánchez Fojo.

O alcalde, José Manuel Blanco, destacou a calidade do programa deseñado con motivo da Semana da Educación Viaria e Mobilidade, agradecendo a labor de cantos colaboraron na súa elaboración. «Narón está dando un paso máis dentro do que é a Educación Vial», asegurou Blanco, que indicou que «somos un dos concellos que máis traballou con este tema nos  últimos anos e así o demostran os recoñecementos recibidos».

Así mesmo, o alcalde incidiu na «optimización dos recursos que temos entre os diferentes Corpos de varias localidades para desenvolver diferentes actividades en materia de Educación Vial. Este Congreso será un paso adiante para animarnos a facer o segundo, o terceiro, e aportaranos experiencias para poder aplicar na rúa e nos colexios de Narón, como se está facendo na actualidade», indicou.

Lea también

Axenda en Narón do 22 ao 23 de novembro

Venres 22 de novembro de 2024 Actividade: Obradoiro de defensa persoal para as mulleres Hora: …