A Deputación da Coruña destina un investimento de case 600.0000 euros para proxectos de mellora e acondicionamentos de infraestruturas culturais dos concellos da provincia. A resolución da convocatoria de subvencións publicouse no BOP do pasado 15 de abril.
Melloras da accesibilidade, cambios en sistemas de proxección cinematográfica, equipamentos, equipos de luces sistemas de seguridade, mobiliario, sonorización de locais ou instalación de elevadores son algúns dos 93 proxectos que a área de Cultura da Deputación da Coruña financia a través do programa de subvencións a concellos e entidades locais para a realización de investimentos culturais durante o ano 2016.
O total concedido para os distintos proxectos é de 582.799,85euros máis unha axuda de 7.200 euros que está condicionada á entrega dunha nova memoria valorada das obras.
As achegas da área de Cultura da Deputación da Coruña para investimentos culturais distribúense entre os distintos proxectos presentados polas distintas entidades locais, nun abano que vai desde os 20.479, 62 aos 1.283,26 euros segundo os criterios da convocatoria. Casas de cultura, locais socioculturais, museos, bibliotecas e auditorios son as principais infraestruturas ás que se destinarán as subvencións que a Deputación vén de facer públicas.
A resolución provisional coa listaxe completa das axudas concedidas por municipios, obxecto e importe da subvención provincial está publicada no BOP nº 71 do 15 de abril, ao que se pode acceder desde este enlace: http://bop.dicoruna.es/bopportal/publicado/2016/04/15/2016_0000002734.html.